luns, 10 de xuño de 2024

ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA E PROMOCIÓN E DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA DO MES DE XUÑO

O día 5 de xuño no Auditorio do Concello iniciamos as actividades do Programa de animación á lectura e dinamización e sensibilización da Lingua Galega de 2024 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén coa actividade “SON SAN” a cargo de RAQUEL QUEIZÁS para conmemorar o DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE; actividade á que asistiu o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

As seguintes actividades programadas para este mes son dous contacontos cos que o Concello de Pazos de Borbén participará, por sexto ano, no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL “ATLÁNTICA” que celebra neste ano 2024 a súa XII Edición; e cos que conmemoraremos a chegada das vacacións escolares e o DÍA INTERNACIONAL DO SOLSTICIO DE VERÁN.


O primeiro dos contacontos será “OS CONTOS DE PABLÍSIMO. CABICIVAI” que terá lugar o Venres 14 de Xuño, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello e será realizado por PABLO SÁNCHEZ “PABLÍSIMO” (Galicia), unha compañía especializada en narración oral, teatro de animación á lectura e teatro infantil creada polo actor, dramaturgo e contador de historias Pablo Sánchez. Os seus espectáculos de pequeno e mediano formato, toman sempre como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia. Pablísimo leva producidos máis de vinte espectáculos misturando neles monicreques, música en vivo, teatro de sombras, video e narración oral. E ten participado en diferentes mostras e festivais.

“OS CONTOS DE PABLÍSIMO. CABICIVAI”, é un espectáculo sobre rodas, unha bicicleta, un kamishibai e tres caixóns dos que pode saír calquera cousa!!
Cabici vai subindo e baixando
Ca bici vai de acó para alá
Ca bici vai carretando as historias
Ca bici vai a golpe de pedal.
Convidamos a participar neste evento ao alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos; ao alumnado da EEI “A Galeriña” de Nespereira; aos usuarios da Asociación ASPAVI; e a todos aqueles veciños e veciñas que queiran asistir ao mesmo e que, por cuestións de aforo, inscríbanse previamente chamando ao teléfono da Biblioteca nº 986 497 273.

E continuaremos con outra actividade incluída na programación da XII Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL “ATLÁNTICA” que desde Salamanca (Castela-León) tráenos FERNANDO SALDAÑA baixo o título de “UN SACO DE CONTOS. O PEIXE DE OURO E OUTRAS HISTORIAS”. Terá lugar o Xoves 20 de Xuño, a partir das 13:00 horas tamén no Auditorio do Concello.

FERNANDO SALDAÑA é, ante todo, e sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos... Pero o que máis lle gusta é contar historias. A todos. Para todas as idades: desde os bebés ata os que hai tempo que chegaron aos cen. Nos seus cofres, baúis e maletas ten contos gardados para todos e cada un. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario ou se coloca diante do seu público nunha escola, biblioteca, xardín ou praza.


No espectáculo “UN SACO DE CONTOS. O PEIXE DE OURO E OUTRAS HISTORIAS”; o conto e a maxia danse a man para conseguir unha atmosfera de misterio e emoción que narra a historia dun mariñeiro que pesca un peixe diminuto, apenas un bebé, polo que decide devolvelo ao mar. Ante a súa sorpresa, o peixe fala e infórmalle de que lle concederá un desexo. A partir de aquí, a avaricia da familia fai que queira máis e máis... Unha casa, un palacio, un castelo... Ata que o perden todo... e a esta seguirán outras historias.

Nesta actividade está prevista a asistencia do alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, e convidamos tamén a asistir a todos aqueles veciños e veciñas que queiran asistir e que, por cuestións de aforo, inscríbanse previamente chamando ao teléfono da Biblioteca nº 986 497 273.

Para calquera información sobre esta programación podedes contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.