domingo, 31 de marzo de 2024

ACTIVIDADES EDUCATIVO-CULTURAIS E DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO MES DE ABRIL DE 2024

Un ano máis desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén “BiblioPazos” sumámonos aos actos que se organizarán en todo o mundo durante o mes de Abril para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra o día 2 de abril de cada ano desde que o IBBY (International Board on Books for Young People) promoveu por primeira vez en 1967 este día coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, e co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os mais novos.

Tamén conmemoraremos neste o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR que se celebra en todo o mundo o día 23 de abril de cada ano desde e que tivo a súa orixe o día 15 de novembro de 1995 como unha maneira de render unha homenaxe a grandes escritores universais como Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega, William Shakespeare, Vladimir Nabokov, Josep Pla e Manuel Mejías Vallejo, entro moitos outros. e foi a través da UNESCO que se decretou ese día co obxectivo de fomentar a cultura e as letras no mundo, ademais de protexer a propiedade do dereito de autor, a iniciativa da Unión Internacional de Editores.

Animádevos a conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL e no DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR participando en calquera das actividades que se realizan en bibliotecas, escolas e outras institucións do país e, sobre todo, animando aos mais novos a que lean polo menos 20 minutos cada día.

Para iso o Concello de Pazos de Borbén a través da Biblioteca Pública Municipal ten organizado os seguintes eventos incluídas no seu Programa de Animación á Lectura e Dinamización da Lingua Galega de 2024:


Empezaremos conmemorando o DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL o día 2 de Abril coa visita de TRÉMOLA TEATRO que nos traerá o seu espectáculo "LEO E AS CORES".

En dúas sesións; a primeira a partir das 11:15 horas no Auditorio do Concello para todo o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI; e a segunda a partir das 13:00 horas na EEI "A Galeriña" de Nespereira para o seu alumnado.

A partir dunha colección de contacontos aprenderemos un montón de cousas con Leoo león máis curioso de toda a selva.

Un día, unha choiva de pompas quítalle ao Elefante Ante e a Tartaruga Uga as súas cores. Será capaz Leo, coa vosa axuda de devolverlle as cores aos seus amiguiños?

E continuaremos celebrando o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL o Venres 5 de Abril a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello no que recibiremos a visita de GENMA PARDO "GEMOLA" co seu contacontos "KLAD, O PAPAGAIO ADHESIVO", actividade na que participarán todo o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; os usuarios da Asociación ASPAVI e o alumnado da Escola de Educación Infantil "A Galeriña" de Nespereira.


Nesta ocasión Genma Pardo "Gemola" traeranos un contacontos con xogos e cancións para sensibilizar sobre enfermidades infantís, en concreto sobre o cancro infantil, a través do seu conto infantil da súa autoría “KLAD, O PAPAGAIO ADHESIVO”, ilustrado por Eva Díaz Losada “EvaBlu”.
Sabías que nos corredores de Ikea acontecen cousas marabillosas e máxicas? Que si atopas un cadro, unha cadeira, unha boneca de trapo ou un adhesivo... poden cobrar vida? Iso foi o que lle pasou a Daniela. Unha nena que atopou a alguén especial neses corredores có que compartirá unha gran aventura...

Daniela é unha nena de cinco anos e medio con cancro que pasa longas tempadas no hospital, pero que cando pode irse a casa de vacacións unha das cousas que mais gústalle é ir a Ikea. E será precisamente nese centro comercial onde lle atope a el, a Klad, un papagaio adhesivo que moi pronto deixará de selo...


Continuaremos coas actividades o Martes 23 de Abril en dúas sesións ás 11:15 e 13:00 horas no Auditorio do Concello co espectáculo “A NENA QUE SE COMÍA TODOS OS CONTOS” que nos trae “TRÉMOLA TEATRO” para conmemorar o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

Na primeira sesión ás 11:15 horas participará o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; e o alumnado da EEI “A Galeriña” de Nespereira.

Na segunda sesión ás 13:00 horas participará o alumnado de 3º a 6º de Primaira do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

“A NENA QUE SE COMÍA TODOS OS CONTOS” é un contacontos teatralizado que levará a cabo a actriz Paula Regueiro da compañía Trémola Teatro.
Elisa, unha nena que quería ser a máis lista do mundo, e sabía que a resposta estaba nos libros!
Pero... en vez de lelos, comíaos.

A ver se coa vosa axuda conseguimos que Elisa convértase na persoa máis lista do mundo.


E finalizaremos as actividades do mes de Abril o Venres día 26 ás 13:00 horas no Auditorio do Concello no que recibiremos a visita de RAQUEL QUEIZÁS que nos traerá o seu espectáculo "RAPOSADAS" para seguir conmemorando o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

Están convidados a asistir a esta actividade os usuarios da Asociación ASPAVI e o alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

“RAPOSADAS” é un contacontos teatralizado por Raquel Queizás; un espectáculo de contos de tradición oral con obxectos e monicreques:
Vide escoitar "Raposadas" para coñecer a nosa tradición oral, para que perdure e non se perda. Contos, ditos, adiviñas que xa moitos de nós coñecemos da nosa nenez e agora as nosas crianzas escoitan pela primeira vez. Unha maneira divertida de estreitar lazos para levar a cabo a transmisión interxeracional da lingua galega. A lingua de cada pobo é un tesouro que hai que sementar e coidar.

A raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira.

Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase a aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo.

Xa se pon o sol, a raposa ten que marchar para despedirse dela todos póñense a danzar.

Colleita de contos populares de animais de tradición oral da nosa terra, que alimentaron, alimentan e alimentarán a moitas nenas e a moitos nenos galegos.

Os contos de tradición oral seleccionados están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o uso da intelixencia para a resolución de conflitos. Moitos destes contos, ademais de mostrarnos as características que definen a cada animal, buscan describir e explicar unha forma de vida fomentando o respecto pola natureza. Axudan a coñecer a contorna natural e familiar que nos fai pobo a través da nosa lingua, os nosos contos, as nosas adiviñas, os nosos xogos e as nosas cancións.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por Teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.