No pasado mes de outubro informábamos da convocatoria do "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" na súa 5ª edición no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2022/2023 e/ou 2023/2024; e tamén abríamos a convocatoria aos usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no concello de Pazos de Borbén.
Como xa sabedes de edicións anteriores,
con esta nova convocatoria o Concello pretende seguir animando
á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a
creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas, estimulando
o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como
tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.
Este ano ampliouse o número de
categorías para participar a sete (7), dúas máis que nos anos anteriores, incluíndo
por primeira vez ao alumnado de Infantil e ao colectivo de persoas con
diversidade funcional.
O prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 2 de
outubro e o 15 de Novembro de 2023; e a nosa sorpresa foi que se presentaron un total de 149; un récord total en todos os anos de existencia deste pequeno certame
literario; foron 91 máis que os presentados o ano pasado.
Os participantes podían presentar
un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito,
escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas
bases do certame e entregalo na Biblioteca.
Na Categoría
A presentáronse 13 participantes, todos eles persoas con diversidade funcional
pertencentes á Asociación ASPAVI, que
entregaron cadanseu debuxo ou relato.
Os participantes da Categoría B presentaron
un debuxo cada un, e así o fixeron 43 alumnos e alumnas de Infantil do CPI “Curros Enríquez” de
Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira.
Na Categoría C, foron
25 rapaces e rapazas de 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de
Pazos os que participaron cun
debuxo cada un con algunha frase alusiva aos debuxos presentados.
O alumnado de 3º e 4º de Primaria,
pertencentes á Categoría D
presentaron un total de 18 traballos.
Na categoría E -alumnado de 5º
e 6º de Primaria- presentáronse un total
de 25 relatos.
O alumnado de 1º e 2º de ESO –Categoría F- presentaron un total de 15 traballos e na Categoría G –alumnado de 3º e 4º de ESO- foron 10 os participantes.
Nas bases do certame establecérase que a temática dos relatos
era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias
de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da
violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre
homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas
oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o
coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida
de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do
concello.
Desde
BIBLIOPAZOS animamos desde un principio a todo o profesorado, pais, nais e demais
familiares do alumnado e á dirección, persoal, etc., dos centros educativos e
de atención a persoas con diversidade funcional do concello para que os
estimularan a escribir e a participar nesta nova edición do certame, e parece
que deu resultado.
Para motivar á participación realizáronse 13 sesións de dous Obradoiros de Creación
Literaria denominados “Escribir para contar 2” e “Relato-Exprés. A personaxe da aula”, impartidos, respectivamente, polos
escritores Miguel Anxo Alonso Díz
e Andrea Barreira Freije (recente gañadora do VII Premio Agustín
Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo
Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba (Lugo) e Edicións Xerais
de Galicia); aos que asistiron os usuarios da Asociación Aspavi e todo o
alumnado de Infantil, Primaria e ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI
“A Galeriña” de Nespereira; en total uns 207 escolares dos centros educativos do municipio e uns 20
usuarios da Asociación Aspavi.
O xurado
do certame reuniuse o pasado día 1 de decembro e xa ten decidido ás premiadas
e premiados nesta 5ª edición do certame que se darán a coñecer o próximo martes 19 de decembro nun acto que se realizará no Auditorio do Concello a partir das 12:00 horas
e no que participarán ademais dos presentados ao certame, mestres, monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da
corporación; os membros do xurado; e representación da Deputación
Provincial de Pontevedra.
Por último comentar que esta actividade
enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua
Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN
LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.