xoves, 21 de setembro de 2023

"CONVERSAS CON TANA: acerca da igualdade de xénero", un espectáculo de AL GUANELLA co que conmemoraremos o DÍA INTERNACIONAL DA PAZ

Continuamos coa programación de actividades de animación á lectura do programa de dinamización da lectura "LER CONTA MOITO" que promove a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración coas entidades locais.

Con esta actividade conmemoraremos o Día Internacional da PAZ que se celebra o día 21 de setembro desde o ano 1981 en que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) promulgou este día como o Día Internacional da Paz; unha data dedicada a conmemorar os ideais de paz de cada pobo e cada nación, con especial énfase no desenvolvemento social e económico en diversas facetas: pobreza, fame, saúde, educación, cambio climático, igualdade de xénero, auga, saneamento, electricidade, medio ambiente e xustiza social. A celebración desta efeméride susténtase no artigo 3 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos "Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa", sentando as bases para a liberdade, a xustiza e a paz no mundo.


T
erá lugar o Venres 22 de setembro a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello e nel contaremos coa presencia do artista AL GUANELLA e a súa cadeliña TANA co seu espectáculo "CONVERSAS CON TANA: acerca da igualdade de xénero”, unha representación teatral, baseada na ventriloquía, que inclúe maxia, xogos de preguntas e respostas, cancións e a participación directa do público presente; onde un granxeiro e a súa cadeliña Tana, manteñen unha fluída e divertida conversa na que afloran diálogos delirantes como os que aparecen desde a presentación dos personaxes, ata desencadear na cuestión da igualdade de xénero.

Están convidados para asistir todo o alumnado de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI; ademais do público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273 e ata completar o aforo.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.