O próximo Venres 16 de setembro a partir das 13:00 horas teremos en Pazos de Borbén a PACO CERDEIRA “PAKOLAS” co seu espectáculo musical “RAMONA ÓRBITA, A DONA DO TEMPO” baseado no seu Libro-CD editado na colección Sonárbore pola Editorial Galaxia.
Con este espectáculo conmemoraremos a chegada do EQUINOCCIO DE OUTONO e o inicio
do curso escolar 2022/2023.
Están convidados a participar nesta
actividade os escolares de 1º a 6º de
Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, ademais de todo o público en
xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono
986 497 273.
Neste espectáculo
contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega
da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e
ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao
futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais
ecolóxico e con enerxías limpas.
Así, a través das
cancións e a narración, imos saltando a diferentes épocas, Ramona viaxa á
prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de
descubrir o lume; visita a Leonardo da Vinci no Renacemento;
acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés ao que lle cheiran os pés; ou
conversa cun robot que ten unha Roda Rota
que se fai chamar Time, etc; todo ata chegar a Benvidas do futuro na que
cantamos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado
á natura.
Moitas personaxes
poderedes atopar neste libro-disco, con historias das que APRENDER e GOZAR a
ritmo moi rockeiro.
Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA
EDUCACIÓN E A CULTURA