martes, 13 de decembro de 2022

"O APALPADOR" visita Pazos de Borbén para conmemorar a chegada do NADAL

 E como non podía ser doutra forma, unha vez rematado o espectáculo de Maxia seguiremos conmemorando a chegada do NADAL a Pazos de Borbén coa visita de O APALPADOR, a tradicional figura do Nadal na Galiza, que ademáis de Pazos de Borbén visitará este ano 45 concellos máis da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’ do departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega que concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitamos.

A visita en Pazos de Borbén terá lugar o Martes día 20 de decembro a partir das 13:00 horas na Praza do Concello e espérase a participación de todos aqueles veciños e veciñas que se queiran achegar e dos escolares do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI; que están especialmente convidados a asistir á mesma.

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores  que fomentará O APALPADOR, xunto ao seu compañeiro acordeonista, SERVANDO BARREIRO, e o seu burro RÍO LOR, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa ‘Nadal en Galego’ da Deputación Provincial foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura. 

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.