martes, 29 de novembro de 2022

ACTIVIDADES ORGANIZADAS POLA BIBLIOTECA PUBLICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN PARA O MES DE DECEMBRO DE 2022

Finalizadas as actividades do mes de novembro coas que conmemoramos o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS; temos programados para o próximo mes de Decembro as seguintes accións:


O Xoves 1 de decembro ás 12:00 horas na Sala de Lectura de BiblioPazos reunirase o Xurado do IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN para decidir os premiados desta nova edición do certame literario organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra co obxectivo de seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, particularmente no ámbito da narrativa/relato breve, facilitándolles unha motivación para facelo como é a de participar nun certame literario.

As Bases desta IV Edición do CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN foran publicadas a través do Blog e Redes Sociais da Biblioteca a partir do 22 de setembro pasado e repartíronse dípticos informativos coas mesmas nos centros educativos do municipio.

Como nas anteriores edicións, nesta edición puido participar todo o alumnado residente no Concello de Pazos de Borbén que estivera cursando estudos de Educación Primaria e/ou Secundaria nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2021/2022 ou 2022/2023; e que presentaran os orixinais escritos en lingua galega.

O prazo para presentar os relatos foi desde o 3 de outubro ao 15 de novembro; e neste período presentáronse un total de 58 relatos nas cinco categorías establecidas nas bases:

- A: 1º e 2º de primaria       1 relato
- B: 3º e 4º de primaria     28 relatos
- C: 5º e 6º de primaria     18 relatos
- D: 1º e 2º de ESO            8 relatos
- E: 3º e 4º de ESO            3 relatos
Agora soamente queda esperar ao acto de entrega dos premios no que se darán a coñecer os galardoados deste ano que terá lugar o Venres 16 de Decembro a partir das 11:30 horas no Auditorio do Concello e ao que asistirán o Alcalde, varios membros do equipo de goberno, e o xurado do certame, ademais de todos os escolares que se presentaron ao mesmo acompañados dos seus mestres.


Continuaremos coas actividades o Venres 2 de decembro ás 13:00 horas coa Compañía Internacional de Títeres “TANXARINA” formada por Eduardo Cunha “Tatán” , Miguel Borines e Andrés Giráldez que nos traerá o seu espectáculo “AS BOMBAS E O XENERAL”; un espectáculo onde recrean con siluetas animadas, música e actores a historia dun Xeneral que quere organizar unha guerra e para iso conta cun arsenal de bombas atómicas. Os átomos saben das intencións do militar e deciden fuxir a un lugar mellor. O Xeneral verá frustradas as súas intencións.

Un espectáculo de total actualidade para concienciar aos máis pequenos dos danos que provocan as guerras e as súas consecuencias. Un final amable para unha situación de conflito onde tamén presentamos os efectos devastadores dun combate militar.

Esta actividade forma parte do programa “Tornar ás táboas” da Deputación Provincial, un programa que naceu no ano 2021 como unha declaración de vontade e ánimo para que o teatro retomara a súa actividade nos escenarios de auditorios, teatros e centros culturais da provincia; unha chamada á volta ao lugar de orixe e ao traballo, aos espazos de lecer e emoción, un cambio de dirección e mentalidade tras esta longa temporada de incerteza, dentro desa guía de aviventar a cultura que encabeza todas as propostas este ano, cunha firme intención no seu propio significado de coidado e protección de todo o que vaia acontecer no seu interior.

Este ano 2022 o programa creceu e ampliou o seu orzamento, aumentando funcións e consolidando a súa aposta por apoiar as nosas compañías, garantindo o acceso á programación cultural en cada recuncho da provincia coa pretensión de que o noso territorio goce do teatro e reactive os seus auditorios e salas, que despois do baleiro provocado pola pandemia están a vivir un retorno dos sorrisos, das emocións e do goce coa cultura.

Esta segunda edición de “Tornar ás táboas” levará 47 espectáculos á escena este outono entre o 23 de setembro e o 18 de decembro; entre eles este que presentamos este Venres 2 de decembro en Pazos de Borbén.

Ademais queremos aproveitar a ocasión da realización desta actividade para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL que se celebra en todo o mundo o 3 de decembro de cada ano co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida nun día que mobiliza apoio para cuestións críticas relacionadas coa inclusión de persoas con diversidade funcional, promove a reflexión sobre cuestións de diversidade funcional e chama a atención sobre os beneficios dunha sociedade inclusiva e accesible para todos.

Nese día aléntase ás axencias da ONU, ás organizacións da sociedade civil, ás institucións académicas e ao sector privado, a colaborar con organizacións que dan soporte a persoas con diversidade funcional na organización de eventos e actividades.


Remataremos as actividades do mes de decembro e deste ano 2022 o día 20 de decembro conmemorando a chegada do NADAL a Pazos de Borbén con O MAGO PACO que nos fará pasar unha estupenda mañá coa función “A MAXIA DO NADAL”; un espectáculo pensado para estas datas, para que grandes e pequenos pasen un rato agradable cos mellores trucos de maxia nunha función que se caracteriza por unha mestura de varias artes escénicas coa maxia, suma que lle achega dinamismo e fantasía encima do escenario. Ademais primará tamén a fantasía e as gargalladas, e sobre todo a participación do público, transformando a función en algo irrepetible cheo de momentos únicos; e haberá moitas, moitas sorpresas.

O Martes día 20 de Decembro a partir das 10:00 horas da mañá no Auditorio do Concello están convidados a asistir a este espectáculo máxico todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da ASOCIACIÓN ASPAVI.


E como non podía ser doutra forma, unha vez rematado o espectáculo de Maxia seguiremos conmemorando a chegada do NADAL a Pazos de Borbén coa visita de O APALPADOR, a tradicional figura do Nadal na Galiza, que ademáis de Pazos de Borbén visitará este ano 45 concellos máis da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’ do departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega que concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitamos.

A visita en Pazos de Borbén terá lugar o Martes día 20 de decembro a partir das 13:00 horas na Praza do Concello e espérase a participación de todos aqueles veciños e veciñas que se queiran achegar e dos escolares do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI; que están especialmente convidados a asistir á mesma.

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará O APALPADOR, xunto ao seu compañeiro acordeonista, SERVANDO BARREIRO, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa Nadal en Galegoda Deputación Provincial foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.