luns, 31 de outubro de 2022

“OBRADOIRO DE ROBÓTICA” para iniciar as conmemoracións do MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.


Damos comezo ás actividades para conmemorar en Pazos de Borbén o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS cunha actividade moi interesante para os escolares.

Trátase dun “OBRADOIRO DE ROBÓTICA” que terá lugar o próximo Venres 4 de novembro de 10:30 a 12:00 horas e de 13:00 a 14:30 horas nas aulas co CPI “Curros Enríquez” de Pazos en dúas sesións que serán levadas a cabo por Raquel Bouza e Ana Míguez Dacosta de “HEROES PARA A CIENCIA”.


Na primeira sesión de 10:30 a 12:00 horas participará o alumnado de 5º de Primaria; e na segunda de 13:00 a 14:30 horas tocaralle a quenda ao alumnado de 6º de Primaria.

Diante dunha era de novas tecnoloxías onde todo cambiou, coñecer as diversas ferramentas de robótica, programación, etc., volveuse algo fundamental e está comprobado que canto máis pequenos a súa implicación, interese e capacidade de crear é moito maior.

A robótica educativa é un método prometedor e particularmente interesante que consiste na construción de robots co kit de “Lego Spike Prime”. Atópase orientada a escolares de máis de 10 anos e utiliza as pezas clásicas de construción de Lego para traballar os conceptos STEAM (Tipo de educación que integra las disciplinas de ciencias, tecnoloxía, enxeñería, artes e matemáticas); un modo de aprender baseado en resolver problemas, facer preguntas e buscar respostas novas.

Para iso desenvólvese un programa sistematizado de traballo cooperativo no que o alumnado terá que colaborar para construír e programar.

O set inclúe motores e sensores de alta precisión como son o sensor de cor, sensor de ultrasóns e o sensor de forza. Espérase que os beneficios se transfiran á vida diaria do alumnado e se xeneralicen a outros dominios da súa vida para obter melloras na súa comunicación e relacións interpersoais, incrementándose o seu benestar subxectivo.

Os estudantes pasan cada vez máis tempo coa tecnoloxía e menos tempo con outras persoas. Coa intervención con robótica educativa adóptanse estratexias como grupos pouco numerosos e contornas estruturadas para establecer relacións cooperativas máis próximas, destacándose a importancia que adquire actualmente educar para realizar un bo uso das tecnoloxías.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura. 

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.