sábado, 24 de setembro de 2022

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "ESCRIBIR PARA CONTAR" con Miguel Anxo Alonso Diz

Continuamos informando das actividades que forman parte do programa de animación á lectura e dinamización do uso da lingua galega para o último cuadrimestre deste ano 2022 organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos” e que complementan á convocatoria do “IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN”.

Seguindo coa nosa programación e obxectivos; e para animar á escrita en galego a todo o alumnado organizamos varios "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA".


O primeiro deles titulado
“ESCRIBIR PARA CONTAR” será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ANXO ALONSO DIZ.

Nel participará todo o alumnado de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e terá lugar nas instalacións escolares en seis sesións dunha duración de hora e media cada unha nas seguintes datas e horarios:

Martes, 27 de setembro:
12:30 a 14:00 - 1º de Primaria
Mércores, 28 de setembro:
12:30 a 14:00 - 2º de Primaria
Xoves, 29 de setembro:
09:30 a 11:00 - 3º de Primaria
11:00 a 12:30 - 4º de Primaria
Venres, 30 de setembro:
09:30 a 11:00 - 5º de Primaria
11:00 a 12:30 - 6º de Primaria

O obradoiro está concibido coma un xeito de estruturar e dar forma aos procesos de creación que teñen lugar na forma de afrontar o proceso da escrita do escritor que os imparte.

A múltiple condición de escritor-poeta, conta contos e docente fai que xogue con diversas variables: o uso da palabra, a inclusión de elementos (que da en chamar de contada), as imaxes e as actividades asociadas ao libro dirixidas a reforzar a mensaxe que se desexa transmitir á rapazada. Na maioría das veces actividades que buscan fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola lingua galega.

Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

O obradoiro que está pensado para os escolares e cada sesión está adaptada non só a idade senón tamén ao grupo, persegue os obxectivos que se indican a continuación e estrutúrase nos niveis que se detallan:

  • Incentivar a creatividade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso contorno.
  • Dar a coñecer diferentes propostas narrativas: narrativa breve, relato curto, microrrelato, prosa poética ou conto.
  • Asociar a escrita ao xogo.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual.
  • Conectar a escrita e a narración oral.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita.
  • Iniciar no xogo das palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.

Primeiro nivel: 1º e 2º de Primaria
  • Pequenas historias.
  • Narrar a través da imaxe.
  • O cómic. A idea.
  • Un pequeno guión.
  • A palabra e a imaxe.
Segundo nivel: 3º e 4º de Primaria
  • Xogo da escrita.
  • Cazadores de ideas.
  • O nacemento dos personaxes.
  • Un mundo en menos de 200 palabras.
  • O título.
  • Unha pequena gran historia.
Terceiro nivel: 5º e 6º de Primaria
  • Ser creativos? Exercicio da "pedra".
  • Técnicas de escrita.
  • O binomio fantástico.
  • Comezamos a contar.
Esta actividade enmárcase no programa de "Obradoiros e Certame de Creación Literaria" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.