sábado, 2 de abril de 2022

ACTIVIDADES EDUCATIVO-CULTURAIS E DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO MES DE ABRIL DE 2022


Outro ano máis desde Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén-BiblioPazos sumámonos aos actos para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se conmemora en todo o mundo o día 2 de abril de cada ano desde que o IBBY (International Board on Books for Young People) promoveu por primeira vez en 1967 ese día coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, e co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.


Animádevos a conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL e XUVENIL participando en calquera das actividades que se realizan en bibliotecas, escolas e outras institucións do país e, sobre todo, animando aos mais novos a que lean polo menos 20 minutos ao día.

Na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén-BiblioPazos conmemoraremos outro ano máis o Día Internacional do Libro Infantil cun contacontos pola igualdade que baixo o título de “TANTO CONTA, CONTA TANTO” levará a cabo a narradora ANA FACCHINI o próximo Venres día 8 de Abril a partir ás 11:00 horas, no Auditorio do Concello.

Participará nesta actividade o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, da EEI "A Galeriña" de Nespereira, e os usuarios da Asociación ASPAVI e a realizaremos en dúas sesións; unha de 11:00 a 12:00 horas na que están convidados o alumnado e mestres de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e a segunda sesión de 13:00 a 14:00 horas contará coa participación do alumnado de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI.

TANTO CONTA, CONTA TANTO son historias de personaxes "diferentes" que reclaman a súa identidade e que loitan polo dereito a ser como queren ser e a quererse tal como son.


E para celebrar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR que se conmemora en todo o mundo o día 23 de abril, teremos con nós ao escritor MIGUEL ANXO ALONSO DIZ (fillo de Carmen da Carballeira) nacido en Madrid, residente na cidade de Vigo, e con raíces na parroquia de Moscoso (Pazos de Borbén).

O noso “veciño” traerános o seu vontacontos "CONTOS NO PAÍS DA CHOIVA" baseado no seu libro "O país da choiva" publicado por Antela Editorial.

Será o Venres día 22 de Abril a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén, e están convidado para asistir o alumnado de 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, ademais de todo o público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

"A xente da vila esqueceu a súa lingua. A choiva levou as palabras dos seus beizos."

Neste contacontos empregaranse contos e poemas escritos polo autor como elemento de recuperación de palabras propias (que levou a choiva); co obxectivo de fomentar a creatividade na rapazada; xerar relacións baseadas no bo trato e respecto mutuo; asociar aspectos positivos, e divertidos, á lingua galega. A lingua como elemento de xogo; traballar vocabulario na lingua galega; pór en valor o conto e a poesía como ferramenta transformadora da realidade e elemento moi válido para a aprendizaxe; e fomentar a lectura e o uso da imaxinación.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.