xoves, 2 de decembro de 2021

BIBLIOPAZOS RECIBE UN DOS PREMIOS MARIA MOLINER DE 2021


¡Boas novas para a biblioteca!

O pasado día 19 de novembro foi un día MOI ESPECIAL para a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén-BiblioPazos e para todos os que traballamos na mesma ao longo deste ano 2021.

Ese día comunicáronnos por correo electrónico que se publicara na páxina web do Ministerio de Cultura e Deporte a Orde de Concesión dos premios Maria Moliner deste ano; e que a Biblioteca de Pazos de Borbén foi outro ano mais premiada neste concurso de proxectos de Animación á Lectura que convoca anualmente o Ministerio de Cultura e Deporte polo seu proxecto "Continúa a vida con contos, cancións, natureza e lectura”.

O Concurso de Proxectos de Animación á Lectura “María Moliner” realizase anualmente grazas ao convenio subscrito entre o Ministerio de Cultura e Deporte e a Federación Española de Municipios e Provincias, vai dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes, e ata un máximo de 370 proxectos son seleccionados para recibir un premio en metálico para adquirir, principalmente, lotes de libros.

Neste ano 2021 a celebración desta campaña resulta de maior relevancia se cabe dado que se cumpren 40 anos do pasamento de María Moliner, bibliotecaria e filógoga excepcional, de maneira que se recollen nesta convocatoria unha especial valoración dos proxectos e actividades realizados desde as bibliotecas en recordo da súa figura e da súa obra.

Dos 370 proxectos seleccionados os dez que obteñan mellor puntuación recibirán un premio por un importe individual de 10.000 euros; mentres que os 360 seguintes por orde de puntuación recibirán un premio por un importe individual de 2.014,69 euros.

O premio obtido pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén consiste na concesión dunha subvención en  metálico por importe de 2.014,69 euros para a compra de libros para mellora das súas coleccións bibliográficas.

Entre as seis bibliotecas premiadas da provincia de Pontevedra, ademais da de Pazos de Borbén, tamén recibiron o premio as dos Concellos de Soutomaior, de Campo Lameiro, de Poio e de Ponteareas co mesmo premio de 2.014,69 euros cada unha delas; e a Biblioteca Municipal do Concello de O Grove cun premio especial de 10.000,00 euros.

Na provincia de A Coruña foron premiadas as bibliotecas dos Concellos de Ares e Laracha; na provincia de Lugo as dos Concellos de Xermade e Sober; e na provincia de Ourense as dos Concellos de Esgos, Ribadavia e Verín.

A todas queremos enviarlles os nosos parabéns e sobre todo á de O Grove pola consecución dese premio especial entre todas as bibliotecas que se presentaron de Galicia.

O certo é que estamos contentísimos pois das tres veces que nos presentamos ata agora a este concurso, nos anos 2017, 2018 e 2021, fomos premiados nas tres ocasións.

No proxecto realizado entre os meses de xaneiro a xuño fixéronse diversas actividades (Contacontos, encontros con autores, obradoiros literarios, conferencias, etc.) nas que participaron as contadoras Raquel Queizás e Ana Facchini; os contadores Brais das Hortas e Anxo Moure -a través do Festival Inernacional de Narración Oral "Atlántica" no que participou outro ano máis o Concello de Pazos de Borbén- e Felipe Díaz Valle “Caxoto Contacontos”; os escritores Miguel Anxo Alonso Diz e Rodrigo Costoya Santos; as interpretes de lingua de signos Aranzazu Casas e María Costa de “AZ Lengua de signos”; o Mago Paco (Galicia), Mago Marcos Ortega (Navarra), o Mago Guillermo Avilés (Murcia), o Mago Julianini (Cantabria); e o arqueólogo Xurxo Constela de A Citania Arqueoloxía.

O ter conseguido este novo premio e este recoñecemento pola realización deste proxecto non sería posible sen a aportación económica do Concello de Pazos de Borbén e da Fundación Filomena Rivero Alonso de Redondela; e sen a imprescindible colaboración da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo (ASPAVI); da directiva, persoal docente e persoal non docente do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira; do escritor Rodrigo Costoya Santos, brillante gañador do “IX Certamen de Novela Histórica Ciudad de Úbeda (2020)” polas facilidades que nos deu para achegarse a Pazos de Borbén e impartir a conferencia “A incrible historia do galego Cristovo Colón. De Poio a baiona”; e da directiva da Comunidade de Montes en Man Común da parroquia de Amoedo polo traballo e facilidades que nos deron para poder realizar o roteiro pola Senda Arqueolóxica de Amoedo para coñecer parte do patrimonio arqueolóxico e histórico do noso concello.

Grazas a todos e todas pola súa colaboración; aos socios e usuarios da biblioteca, compañeiros de traballo, e todas aquelas persoas e institucións que de algunha forma participaron e colaboraron para levar adiante este proxecto premiado.

GRAZAS, GRAZAS, GRAZAS

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.