xoves, 23 de setembro de 2021

"OBRADOIROS DE NARRATIVA BREVE" impartidos por CARMEN CONDE


O Concello de Pazos de Borbén, a través da Biblioteca Pública Municipal, acaba de convocar o III CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBEN" no que poden participar todos os alumnos e alumnas residentes no concello que estiveran ou estean cursando estudos de Educación Primaria e/ou Secundaria no municipio durante os cursos 2020/2021 e/ou 2021/2022; e que presentan os orixinais en lingua galega.

Para reforzar e animar á escrita entre os escolares temos organizado tamén uns "OBRADOIROS DE NARRATIVA BREVE" que impartirá CARMEN CONDE  GAUTE de Tarabela Creativa SC.

CARMEN CONDE é filóloga pola USC, guionista e dramaturga pola ENERC (Buenos Aires). Contadora con funcións nas dúas beiras do Atlántico. Autora de relatos breves para nenos e para adultos, humorista de comedia unipersoal dende 2004. Narradora oral autora de 'Premios Darwin' (2016)— gañadora do premio a Mellor Comedia por parte de Hipócrita Teatro— e de 'Tabú', actualmente en xira. Guionista en Dama Negra Films ('El Rastro del Cazador') e en Falperra Producciones ('Pase de Estrela'). Cofundadora de Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, con quen produce a serie da que é autora: 'Premios Darwin'. Dende 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, micorrelato e narración oral. Colaboradora ocasional en Radio Galega, en Cadena Ser e na TVG.

Estes obradoiros realizaranse nas instalacións do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; se desenrolaran en 4 sesións de dúas horas cada unha en dous días consecutivos, o xoves 30 de setembro e o venres 1 de outubro; e contarán coa participación dos alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO.

Están pensados para aquelas persoas que queiran coñecer a anatomía das historias. Para que as conten misturando os ingredientes segundo lles conveña. Porque é tan importante o que contamos como o xeito en que o facemos. Aprenderán dende a práctica, manchando as mas con textos e traballarán con estímulos creativos variados. E, como o mundo é da xente valente, recomendable que vaian as sesións sen medo.

primeira parte será de asimilación de conceptos, a través de diversas propostas lúdicas de escrita, que axudarán aos asistentes a coñecer con algo máis de profundidade as entrañas dunha historia. Esta parte contará con certo marco teórico.

segunda parte será absolutamente creativa, a partires dos disparadores máis diversos. O obxectivo último é lograr un primeiro achegamento ao manexo do espazo e do tempo, a atopar a diferencia entre personaxes, a distinguir entre tipo de narrador e punto de vista. E a combinar todo o mencionado como mellor lle veña ao noso relato. Porque o certo é que para escribir só hai que poñerse a escribir. Por iso a práctica será o fundamento de todo. Mimando tanto ou máis o outro pilar da escritura: a lectura constante.

Esta actividade enmárcase no programa de "obradoiros e certame de creación literaria" do proxecto de actividades de dinamización da lingua galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.

Para ampliar a información sobre a programación ademais de consultala no blog e nas redes sociais da biblioteca, podedes contactarnos por teléfono chamando ao número 986 497 273 no noso horario habitual de apertura, ou solicitando a información escribíndonos ao correo electrónico biblioteca@pazosdeborben.org.

PARTICIPADE NAS ACTIVIDADES DE BIBLIOPAZOS

E NON VOS ESQUEZADES!

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.