martes, 21 de setembro de 2021

CONVOCATORIA DO "III CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" E "OBRADOIROS DE NARRATIVA BREVE"

Despois de publicar en datas pasadas as actividades de animación á lectura que comezamos o día 16 de setembro coa actuación de Diego González Hermida "O Calborota" e continuaremos os próximos días 24 de setembro con Al Guanella; 30 de Setembro con Fran Campos; e 8 de outubro don Manuel Pombal, nos que participarán os alumnos de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, sacamos agora á luz outras novas actividades para seguir animando á lectura e dinamizar a lingua galega.

Convocamos outro ano máis o Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén que, nesta ocasion, acada a súa terceira edición.


Neste III CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN poderán participar os alumnos e alumnas residentes no Concello de Pazos de Borbén que estiveran ou estean cursando estudos de Educación Primaria ou Secundaria nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2020/2021 ou 2021/2022; e que presenten os orixinais escritos en lingua galega.

Haberá 5 categorías para participar:

  • A: 1º e 2º de primaria
  • B: 3º e 4º de primaria
  • C: 5º e 6º de primaria
  • D: 1º e 2º de ESO
  • E: 3º e 4º de ESO

Os relatos poderán presentarse entre os días 1 de outubro e o 15 de novembro, ambos inclusive, deste ano 2021.

Coa convocatoria desta terceira edición do certame pretendemos seguir fomentando a creatividade entre o alumnado do municipio, potenciar a expresión e a comprensión escrita, estimular o uso da lingua galega entre os escolares, fomentar a escrita na nosa lingua entre os mais mozos - particularmente no ámbito da narrativa/relato breve, e facilitarlles unha motivación para facelo como é a de participar nun certame literario.

Desde a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS" animamos a todo o profesorado do centro e tamén aos pais, nais e demais familiares dos alumnos e alumnas para que os estimulen a escribir e a participar nesta nova edición na que esperamos superar a participación da celebrada no ano 2019.

Ademáis para reforzar e animar á escrita temos organizado tamén un "OBRADOIRO DE NARRATIVA BREVE" que impartirá a filóloga, docente, escritora, guionista, dramaturga, narradora oral e humorista CARMEN CONDE GAUTE de Tarabela Creativa SC e no que participarán os alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO co CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Este obradoiro terá lugar o xoves 30 de setembro e venres 1 de outubro nas instalacións do CPI "Curros Enríquez" de Pazos nos seguintes horarios:

Xoves 30 de setembro:

  • 10:00 a 12:00        5º de Primaria
  • 12:30 a 14:30        6º de Primaria

Venres 1 de outubro:

  • 09:30 a 11:30        1º de ESO
  • 12:30 a 14:30        2º de ESO

Cada grupo terá unha sesión dunha duración de dúas horas neste obradoiro pensado para aquelas persoas que queiran coñecer a anatomía das historias. Para que as conten misturando os ingredientes segundo lles conveña. Porque é tan importante o que contamos como o xeito en que o facemos. Aprenderán dende a práctica, manchando as mas con textos e traballarán con estímulos creativos variados. E, como o mundo é da xente valente, recomendable que vaian as sesións sen medo.

A primeira parte do obradoiro será de asimilación de conceptos, a través de diversas propostas lúdicas de escrita, que axudarán aos asistentes a coñecer con algo máis de profundidade as entrañas dunha historia. Esta parte contará con certo marco teórico.

A segunda parte será absolutamente creativa, a partires dos disparadores máis diversos. O obxectivo último é lograr un primeiro achegamento ao manexo do espazo e do tempo, a atopar a diferencia entre personaxes, a distinguir entre tipo de narrador e punto de vista. E a combinar todo o mencionado como mellor lle veña ao noso relato. Porque o certo é que para escribir só hai que poñerse a escribir. Por iso a práctica será o fundamento de todo. Mimando tanto ou máis o outro pilar da escritura: a lectura constante.

Estas actividades enmárcanse no programa de "obradoiros e certame de creación literaria" do proxecto de actividades de dinamización da lingua galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por email biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

PARTICIPADE NAS ACTIVIDADES DE BIBLIOPAZOS

E NON VOS ESQUEZADES!

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.