mércores, 16 de xuño de 2021

COA ACTUACIÓN DE ANXO MOURE "CARBALLO CON BOTAS" REMATA A "IX EDICIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL ATLÁNTICA" EN PAZOS DE BORBÉN

Remata a participación do Concello de Pazos de Borbén na "IX EDICIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL ATLÁNTICA", con esta segunda cita do Atlántica 2021 prevista para hoxe mércores 16 de xuño,  no Auditorio do Concello, ás 12:30 horas, na que participarán os alumnos de 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.



Contos con ecoloxía

Nesta ocasión os contos chegarán da man de Anxo Moure "Carballo con botas" co seu espectáculo "Nubinete contra o cambio climático", unha proposta de viaxe de contos e cantigas ate as nubes para coñecer a problemática da contaminación e o cambio climático. Cun singular paraugas reciclado de nome Dameaugas os máis cativos intentarán conseguir que chovan contos, soños, esperanzas e futuro. Este espectáculo está baseado no libro "O paraugas Dameaugas" do propio Moure (ed. Urco) e forma parte do proxecto CUCO (Cultura Contra o Cambio Climático).



Anxo Moure (Chantada, 1963) é un escritor e contacontos galego con máis de trinta anos de experiencia no eido da narración oral. As súas actividades son cómicas e divulgativas, enmarcadas no ecoloxismo e no ecopacifismo. Impulsou a creación do Cinema Palleiriso na aldea de Garabelos, na parroquia de Mariz.


EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.