martes, 16 de febreiro de 2021

NOVA REAPERTURA DA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DE PAZOS DE BORBÉN.


O Diario Oficial de Galicia Núm. 30-Bis, do luns 15 de febreiro, fixa as condicións para a reapertura, a partir de mañá mércores día 17 de Febreiro, e en todo o territorio galego, de Bibliotecas e Auditorios, entre outros establecementos.

Bibliotecas:
  • Obrigatorio o uso da máscara en todo momento.
  • Poderán realizarse actividades presenciais sen superar o 30 por cento da capacidade máxima permitida.
  • Poderán realizarse actividades culturais cun máximo de ata 4 persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal.
Auditorios:
  • Non superar o 30 por cento da ocupación máxima permitida.
  • Límite de 250 persoas en lugares pechados e 500 ao aire libre.
  • Procurar a distancia interpersoal de seguridade de 1,5M nas catro direccións, excepto conviventes.
  • Planificación de accesos e distribución de asistentes para evitar aglomeracións. 
  • Uso obrigatorio de máscara en todo momento.
  • Tarefas de ventilación indicadas.
  • Rexistro de asistentes e custodia do mesmo ata un mes despois do evento.
  • Intensificar a limpeza e a desinfección.
Así que volvemos a abrir a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos e tamén comezaremos de novo a realizar actividades culturais e educativas no Auditorio do Concello das que vos iremos dando conta proximamente.

Queremos reforzar o contacto e a atención cos usuarios a través da liña telefónica, do correo electrónico e de internet, para seguir prestando os nosos servizos o mellor posible e seguir orientando cunha atención personalizada con outros medios que non sexan, exclusivamente, físicos.

Adoptamos todas as normas de seguridade e hixiene en vigor e seguirá sendo obrigado o seu cumprimento:
  • Uso de máscara en todo o edificio.
  • Na entrada desinfección de mans co xel hidroalcohólico.
  • Respectar a distancia de seguridade de 1,50 metros.
  • Atención individualizada aos usuarios. 
  • Acompañamento de menores de 14 anos.
  • Etc..
Os servizos que imos a atender son os de PRÉSTAMO e DEVOLUCIÓN de materiais seguindo vixentes as normas de sempre (número de exemplares, prazos...).

A DEVOLUCIÓN do material podedes facela sen presa para evitar aglomeracións durante todo o horario de apertura da biblioteca, e depositar o material para devolver nas caixas que estarán habilitadas na entrada do edificio. Todos os exemplares devoltos serán illados e sometidos a unha cuarentena durante 7 días para eliminar calquera posibilidade de infección.

Para o PRÉSTAMO RECOMENDAMOS que veñades cos títulos seleccionados da casa para axilizar o servizo e evitar o contacto o máximo posible. Así que animámosvos a pensar con antelación os libros que queirades levar en préstamo e que podedes consultar no CATÁLOGO DA BIBLIOTECA na internet na seguinte páxina web:



Tamén podedes facer a consulta por teléfono ao número 986497273 ou enviar un e-mail á dirección de correo electrónico da biblioteca: biblioteca@pazosdeborben.org cos libros que vos interesa solicitar o préstamo. Volos reservaremos para que veñades a buscalos na data que acordemos.

Para evitar a propagación do virus e contaxios a manipulación previa dos exemplares deberá ser mínima e por parte do persoal da biblioteca para que teñades a seguridade de que CALQUERA EXEMPLAR QUE LEVEDES DA BIBLIOTECA ESTARÁ LIMPO E DESINFECTADO.

  • A biblioteca é un lugar seguro. A limpeza e desinfección realízase diariamente para que as instalacións estean en condicións óptimas.
  • As persoas usuarias deberán respectar en todo momento as normas hixiénicas e sanitarias en vigor, e as indicacións do persoal da biblioteca.
  • Para acceder á biblioteca é obrigatorio o uso de máscara; a desinfección de mans co xel hidroalcohólico disposto na entrada; e gardar a distancia mínima de seguridade de 1,50 m.
  • Soamente se permite unha persoa por quenda de atención excepto no caso de menores de 14 anos que deberán vir acompañados dun adulto responsable en todo momento.
  • No caso de que haxa varias persoas para ser atendidas, deberán esperar a súa quenda na entrada do edificio formando unha fila única respectando a distancia de seguridade de 1,5 m., e evitar aglomeracións de persoas nas instalacións.
  • NON ESTÁ PERMITIDO utilizar os ordenadores.
  • Para as DEVOLUCIÓNS depositade os documentos na zona indicada para elo. Os exemplares devoltos serán illados e almacenados por lotes nunha sala pechada, e someteranse a unha corentena de 7 días para garantir a súa desinfección total.
  • O persoal bibliotecario está formado e informado sobre as normas hixiénicas e sanitarias necesarias, e velará polo seu cumprimento.
ESPERÁMOSVOS DE NOVO EN BIBLIOPAZOS

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.