xoves, 4 de marzo de 2021

A MAXIA DA AUGA

A MAXIA DA AUGA
Autor: Afonso Eiré
Hércules de Ediciones

Xénero: Literatura en Galego - Narrativa

Case todas as lendas ancestrais galegas teñen algo en común; están, dun xeito ou doutro, relacionadas coa auga. Galiza é terra de augas. E hai fontes como as do Faro que poden ser beneficiosas, pero tamén hai fontes malas. Se non que llo digan a un peregrino que ía cara a Compostela e, na vez de seguir subindo, volveu para Penasillás.

Cal é a causa de que en Galiza agochemos as pantasmas mentres en Escocia son reclamo turístico? Non queremos que se saiba o que pasa nas nosas casas como acontece na do Alcalde en Mouricios?

Quen non tivo medo? Pero os medos existen? E que pintan nos medos de hoxe os morcegos, os corvos ou os lobos ou o cabalo branco, que xa aparecían nos relatos celtas? Deamos unha volta pola igrexa de Pesqueiras.

E os pozos dos ríos nos que habitan as xacias, as penas das mouras, os tesouros... existen ou non existen? E os pozos sen fondo? Non hai mellor cousa que dar unha volta polo Miño para sabelo.

Este non é un libro que recree as lendas tradicionais. Tampouco son relatos nos que se recollen esas lendas. Outros xa fixeron moi ben ese traballo. Este é un libro que revive e actualiza os principais mitos galegos e lles dá unha nova visión. Unhas narracións convertidas en contos de lareira, que os traen á actualidade, con humor e sen chalecos mentais, para retratar tamén a sociedade actual á luz das crenzas do pasado.

Neste libro hai moito de lenda, pero aínda hai moito máis de verdade. Procure a súa para ver se lle encaixa.

ISBN: 978-84-120974-8-1
Nº de páxinas: 152
Encuadernación: Tapa branda
Formato: 16 x 24 cm

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.