xoves, 14 de maio de 2020

RICARDO CARBALLO [CARVALHO] CALERO - DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020

Este próximo domingo día 17 de maio volve a celebrarse o DÍA DAS LETRAS GALEGAS dende que o 20 de marzo de 1963 os tres membros da Real Academia Galega -Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego- presentaran nesta institución unha proposta histórica: que se declarase ese día de cada ano "DIA DAS LETRAS GALEGAS" como data para "recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega". Por iso cada ano, nesta data, Galicia honra as súas Letras e a súa Lingua.

No ano 1963 celebrábase o centenario da publicación do libro "CANTARES GALLEGOS" de Rosalía de Castro, pero ignorábase a data da súa publicación por iso propúxose o día 17 de maio, por ser nese día cando Rosalía de Castro lle dedicou o seu libro ao tamén poeta Fernán Caballero; e así foi como se instituíu como festa anual do Día das Letras Galegas o 17 de maio. Escolleuse esta data porque "CANTARES GALLEGOS" foi o primeiro libro galego que tivo unha significación universal.

Neste ano 2020 o autor homenaxeado é RICARDO CARBALLO [CARVALHO] CALERO


Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego. Unha traxectoria tan rica e intensa non é doada de resumir nos límites dunha aproximación necesariamente sintética coma a presente, polo que quedarán fóra aspectos merecentes de atención e matices de relevo. Ao final desta achega ofrecerase unha bibliografía selectiva, ordenada por xéneros e, dentro de cada apartado, por secuencia cronolóxica.

Para saber máis da biografía do autor, fai clic AQUÍ.

Para coñecer mellor a vida e obra de RICARDO CARBALLO [CARVALHO] CALERO, autor homenaxeado este ano 2020 no Día das Letras Galegas, tendes nas seguintes páxinas webs un montón de documentos e actividades  para imprimir e para facer en liña: 



-Web do Seminario Galán para os rapaces e rapazas desde Infantil a 6º de Primaria.


-Web Primavera das Letras da Real Academia Galega con materiais para colorear para os nenos e nenas de menor idade, contidos descargables –tamén con ilustracións orixinais– sobre a vida, a obra de creación literaria de Carvalho Calero ou o seu labor como filólogo son parte dunha oferta que se completa con propostas interactivas centradas na súa paixón polo teatro e a ópera, a súa poesía ou espazos vitais do autor como Ferrol e Lugo.


-Web da Real Academia Galega con propostas lúdicas e didácticas para todas as idades.


-Web O Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística no que atoparedes moitísimos recursos e información sobre o autor: exposicións, actividades dinamizadoras, un libro dos Bolechas sobre o autor que podedes descargar gratuitamente, videos, etc.


-Web Carvalho2020.galun proxecto da Associaçom Galega da Língua (AGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Deputación da Coruña. Unha web moi completa sobre Ricardo Carvalho Calero, coa vida e a obra de Carvalho Calero, recursos didácticos sobre a sua figura, asi como os eventos e a actualidade deste ano coa finalidade de divulgar a figura de Carvalho Calero entre a comunidade educativa, en especial entre o profesorado de galego e de portugués de todos os niveis do ensino público non universitario.




Fontes: Real Academia Galega - Seminario Galán - Associaçom Galega da Língua (AGAL) - Secretaría Xeral de Política Lingüística


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.