luns, 27 de xaneiro de 2020

"O VIAXE DE LACA E CHISPAS" - Accésit da Categoría C: 5º e 6º de Primaria - II CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN

Participantes e premiados da Categoría C: 5º e 6º de Primaria
II CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN (2019)
Relato gañador dun Accésit da Categoría C: 5º e 6º de Primaria.

"O VIAXE DE LACA E CHISPAS" de DIEGO DOMÍNGUEZ COSTAS - 11 anos - 6º de Primaria.
Un día coma outro calquera, escoitábanse uns gritos na aldea que dicían:
-Axuda, axuda, ao ladrón!
Pero este era tan áxil e tan veloz que, saltando polos tellados, despistounos a todos.
Non era un ladrón calquera, era unha gata que roubaba de todo: xoias, comida, flores, etc.
Ao día seguinte apareceu un gato novo na aldea chamado Chispas.
Nada máis chegar, Chispas enterouse das maldades da gata, así que, polos rumores, decatouse de que vivía nun burato no tronco dunha árbore do monte.
Máis tarde, cando Chispas chegou ao tronco da gata, atopouna ordenando o seu ultimo botín. Chamoulle a atención, e a gata comezoulle a rifar. Díxolle que, para comezar, chamábase Laca, e que non estaba ben interrumpir na casa dos demais sen avisar.
O gato, confundido, cambiou de tema dicíndolle que non se podía roubar, que estaba mal, Laca, moi enfadada, botouno dalí.
Unhas horas máis tarde, Chispas decidiu regresar ao tronco, e viu que Laca estaba preparando o seu próximo golpe. Era un atraco a un tren cheo de comida, que pasaría pola aldea dentro dun mes.
Pasaron as semanas, ata que chegou o suposto día do roubo. Laca xa estaba preparada para saltar ao tren. En canto chegou ao vagón, atopouse con Chispas, o cal estaba defendendo os suministros. Laca díxolle que non se entrometera nos seus asuntos.
Chispas, alterado, comezou a discutir e pelexar con Laca.
Estaban os dous tan concentrados que non se decataron de que o tren estaba en movemento.
Cando o tren parou, foi o momento no que se deron conta de que xa non estaban na vila, estaban nunha cidade!
Despois paráronse a pensar un momento no que pasara, e como os dous seguían enfadados, cada un marchou polo seu camiño.
Pasaron os días e, casualmente, atopáronse nun parque. Estaban os dous mallados, co pelo sucio e despeiteado, cheo de lixo. En canto se viron, parecía que o mundo fora invadido polo silencio. Ningún dos dous dixo nada durante minutos, ata que Chispas rompeu o silencio, dicindo que tiñan que traballar xuntos. Laca non se opuxo.
Ao contrario, tiña unha idea para regresar. O plan era sinxelo: primeiro tiñan que buscar información sobre os transportes que pasaban pola súa vila. Despois tiñan que localizar de onde partían e finalmente só tiñan que coarse no vehículo.
Levaron a cabo o plan. Custoulles días atopar o que necesitaban, pero o que conta é que o conseguiron.
Tiñan que chegar a un camión vermello e azul que transportaba carne. Todos os mércores saía desde o aparcamento do cruce, ás seis e media.
Faltaban só cinco minutos, pero chegaron a tempo. Fíxose de noite e, antes de ir a durmir, Chispas preguntoulle porqué roubaba, e Laca contoullo todo.
Díxolle que no tronco, a parte dela, vivían dous coellos pequenos aos que tiña que manter.
Ao día seguinte, cando espertaron, o camión xa estaba na vila.
Antes de baixar, Laca prometeulle a Chispas que xamais volvería a roubar.
Pasaron os meses e, un home veu a vivir ao pobo. Deu a casualidade de que ao entrar na súa nova casa, atopou a Chispas, Laca e os coellos, que eran onde se aloxaban últimamente. O home, que era amante dos animais, en vez de botalos fóra, decidiu adoptalos a todos.
Así foi, como Laca deixou de roubar, e todos viviron felices para sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.