domingo, 1 de decembro de 2019

PROGRAMACIÓN ACTIVIDADES DO MES DE DECEMBRO 2019

Finalizamos as actividades de animación á lectura do mes de NOVEMBRO coas actuacións no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén o pasado día 29 da mestra e contadora de historias ANGELES GOÁS AMADO cos seus espectáculos “O MEDO É LIBRE” e “AS FAMES CONTADAS” incluídos na programación do 4º Ciclo de Tradición Oral “FALAR POR FALAR” que formaba parte do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Para este mes de DECEMBRO no que remataremos as actividades de este intenso ano 2019, traemos novos eventos de Contacontos, Charlas-Coloquio e o Acto de Entrega de Premios do II Certame de Relato Curto.

4 de Decembro


Comezamos a programación o Mércores 4 de Decembro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén no que recibiremos a visita do escritor, investigador e divulgador da mitoloxía e da literatura de tradición oral ANTONIO REIGOSA CARREIRAS que nos ofrecerá unha Charla-coloquio titulada GALICIA ENCANTADA. Mitos, Lendas e Contos Populares” na que nos descubrirá o valor da oralidade e facendo un percorrido, apoiado con ilustracións, polos mitos, lendas e contos populares da tradición galega. Descubriremos os agochos (pozos, fontes, montes, xacementos arqueolóxicos...) e as figuras de seres, entre outros moitos, como as mouras, mouros ou encantos, ou como e onde se poden atopar tesouros. Percorreremos as xeografías do medo, os camiños e as pegadas de ducias de seres invisibles que fomos imaxinando colectivamente, conformando así un extraordinario patrimonio cultural, expresado case en exclusiva de xeito oral.

Antonio Reigosa é ademais de escritor, investigador e divulgador da mitoloxía e da literatura de tradición oral galega, responsable de comunicación da Rede Museística da Deputación de Lugo, Cronista oficial de Mondoñedo, Cofundador do Grupo Chaira, creador da enciclopedia virtual GALICIA ENCANTADA.

Creador e coordinador de varias revistas orais. Responsable da sección de literatura oral da AELG e autor ou coautor de numerosos títulos de literatura infantil, entre eles, “Memorias dun raposo (1998), Resalgario (2001), Lendo lendas, digo versos (2015), e tamén de ensaios como “Dicionario dos seres míticos galegos” (1999), ou os 20 tomos da colección “Cabalo Buligan” (1998-2004). Recentemente publicou en Xerais na colección Merlín “O raposo aviador que voa sen motor). Entre os premios recibidos están o Merlín (1998), o Raíña Lupa (2000) e a mellor iniciativa bibliográfica, Gala do Libro Galego 2016. É membro do Comité de Expertos en investigación de campo do proxecto “Corpus de Literatura Oral”.

A esta charla está prevista a asistencia dos alumnos de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Esta actividade enmárcase no programa de encontros con autores incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

10 de Decembro


Continuaremos as actividades o Martes día 10 de decembro ás 13:00 horas na Sala de Lectura da Biblioteca coa actividade de divulgación e difusión da ciencia en galego “CON CIENCIA DE MULLER” a cargo de EDUVÍA Xestión, Cultura e Lecer SL coa que se pretende que os escolares coñezan a algunhas das moitas mulleres científicas galegas que destacan ou destacaron polos logros acadados nos seus respectivos campos de investigación e cómo contribuíron con eles ao progreso da humanidade. Ángeles Alvariño, Ramona Vaamonde ou Begoña Vila Costa... son soamente algunhas delas.

"Dúas animadoras, caracterizadas como científicas, presentarán de forma lúdica a algunhas das científicas galegas máis destacadas, dando exemplos dos seus logros e amosándoas como referentes para as xeracións presentes e futuras promovendo así a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na área científica e tecnolóxica. As presentacións intercalaranse con algúns experimentos sorprendentes (e inofensivos), buscando fomentar o interese pola ciencia dos asistentes."


Participarán deste evento os alumnos de 3º e 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.


Esta actividade forma parte do programa de divulgación científica en galego incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.


18 de Decembro


Continuaremos o Mércores 18 de decembro ás 12:30 horas no Auditorio do Concello co o Acto de Entrega de Premios do II CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN.

O prazo para a presentación dos relatos rematou o pasado 15 de novembro e, nesta ocasión, participaron 77 alumnos e alumnas de 1º a 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos que presentaron un total de 77 relatos nas distintas categorías:

A - 1º e 2º de primaria     10 relatos.
B - 3º e 4º de primaria     17 relatos.
C - 5º e 6º de primaria     40 relatos.
D - 1º e 2º de ESO            5 relatos.
E - 3º e 4º de ESO            5 relatos.
Nesta edición presentáronse 13 traballos máis que na I edición do Certame realizada no ano 2018.

Mediante esta segunda edición preténdese seguir fomentando a creatividade entre o alumnado do municipio, potenciar a expresión e a comprensión escrita, estimular o uso da lingua galega, fomentar a escrita na nosa lingua entre os mais mozos -particularmente no ámbito da narrativa/relato breve- e facilitarlles unha motivación para facelo como é a de participar nun concurso ou certame.


Os membros do xurado reuniránse nos próximos días para valorar e decidir sobre os traballos presentados a esta 2ª edición e os galardonados daránse a coñecer no acto que se celebrará o próximo 18 de decembro.


Esta actividade forma parte do programa de obradoiros e concursos de creación literaria incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.


19 de Decembro



E remataremos os eventos do ano 2019 cunha actividade para os concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que toma como base a toponimia de Galicia.


A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes; e constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.


Para elo o Concello de Pazos de Borbén acollerá o próximo mes de decembro unha actividade de promoción e dinamización da lingua e cultura galegas denominada “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” que se enmarca nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia e coordinados desde a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.


A actividade consiste nunha conferencia que terá lugar o día 19 de decembro ás 12:30 horas no Auditorio do Concello e que será impartida polo filólogo Vicente Feijoo Ares, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.


Nela falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...). Ademais, nos concellos que teñen sen recoller a súa micro toponimia –é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...-; como é o caso do noso concello, mostrarase unha APP que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.


A charla irá dirixida a membros da Corporación municipal e técnicos de administración local; Asociacións veciñais e culturais; Comunidades de montes; Escolares; e veciños e veciñas que lles interese; e xa está confirmada a asistencia a esta conferencia dos alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.


Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:


Achegar aos cidadáns do concello unha información moi valiosa sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que os veciños e veciñas deben coñecer.


Fornecer aos técnicos municipais das ferramentas necesarias para que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.


Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.


Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer as singularidades de cada concello.


Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.


Por cuestións de aforo para asistir a este evento é necesaria a inscrición previa chamando ao teléfono da biblioteca nº 986 497 273.


Como sempre a ENTRADA É DE BALDE EN TODAS AS ACTIVIDADES, se ben NALGUNHAS DELAS, tal e como está indicado nos carteis publicitarios, é OBRIGATORIA A INSCRICIÓN PREVIA CHAMANDO AO TELÉFONO da biblioteca nº 986 497 273.



ANIMÁMOSVOS A ACUDIR ÁS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR BIBLIOPAZOS!!!

ESPERÁMOSVOS!!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.