luns, 18 de novembro de 2019

ENCONTRO CON AUTORES - ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


Esta próxima actividade consiste nunha nova sesión do programa de “Encontros con autores” que terá lugar o Mércores 27 de Novembro, na Sala de Lectura á partir das 13:00 horas, e no que contaremos coa presenza do escritor e poeta ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO.

Antonio García Teijeiro naceu en Vigo no ano 1952. Exerceu como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade e a día de hoxe xa está xubilado. Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.

Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, másters e conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións. Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para a mocidade, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces/as. Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.

Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa.

No ano 2017 obtivo o PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL do Ministerio de Cultura polo poemario escrito en galego, POEMAR O MAR, publicado por Edicións Xerais e ilustrado por Xan López Domínguez.

Precisamente Antonio García Teijeiro ven a Pazos de Borbén para compartir as súas experiencias literarias cos alumnos de 5º de primaria e o encontro versará sobre a súa obra “POEMAR O MAR” pola que recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura do ano 2017.

"POEMAR O MAR" é un libro de poemas que forma parte da triloxía que se completa con "En la cuna del mar" e "Palabras do mar". Nestas tres obras o mar é o gran protagonista, un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra. Mares con ondas amarelas, con illas coma estrelas, mares de plumas que son de auga e mel, mares de tinta verde con barquiños de papel.

Esta actividade enmárcase no programa de encontros con autores incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Nesta actividade é OBRIGATORIA A INSCRICIÓN PREVIA CHAMANDO AO TELÉFONO da biblioteca nº 986 497 273.

ANIMÁMOSVOS A ACUDIR ÁS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR BIBLIOPAZOS!!!

ESPERÁMOSVOS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.