domingo, 27 de outubro de 2019

PROGRAMACIÓN ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO MES DE NOVEMBRO 2019

Finalizamos as actividades de animación á lectura do mes de OUTUBRO coa actuación o martes día 29 na Sala de Lectura de O Mago Paco de A Illa dos Nenos co seu espectáculo de divulgación científica "MATEMAXIA” no que participarán os alumnos de 5º e 6º de Primaria e os de 1º e 2º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, ademáis de varios usuarios da Asociación ASPAVI.

Esta actividade mestura dúas disciplinas, as matemáticas e a maxia. A través delas O Mago Paco demostrará o moito que teñen en común e o que comparten unha vez que nos achegamos a elas dunha maneira diferente e moi divertida. Será un espectáculo moi dinámico e moi entretido que interactuará constantemente cos rapaces e rapazas facéndoos partícipes, cómplices e protagonistas de cada experiencia.

Esta actividade forma parte do programa de divulgación científica en galego incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Para o vindeiro mes de NOVEMBRO traemos 9 novas actividades cun total de 16 sesións consistentes en Obradoiros de Ciencia; Obradoiros de Contacontos; o 4º Ciclo de Tradición Oral coa actuación de 4 mulleres contacontos do mellorciño do panorama galego; Maxia; e un encontro con autores.


Comenzamos a programación o día 4 de novembro ás 13:00 horas có Obradoiro de Experimentación Creativa con Música Electrónica "CIENCIA MUSICAL" a cargo do enxeñeiro electrónico e compositor MATEO MENA CALAVIA. 

O obradoiro é un proxecto educativo plenamente práctico, orientado a público xuvenil, que combina conceptos científicos e sonoros nun ambiente de traballo baseado na experimentación. A través da construción de diversos dispositivos musicais electrónicos, os asistentes irán adquirindo coñecementos prácticos sobre varios principios científicos (electromagnetismo, resistividade, frecuencia, vibración...) e a súa aplicación musical, enfocándose en áreas específicas como a creatividade, a educación ambiental, o método científico ou a aprendizaxe colaborativa. 

Participarán desta experiencia os alumnos de 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos. 

Esta actividade forma parte do programa de divulgación científica en galego incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.


Continuamos as actividades o día 7 de Novembro có Obradoiro de Iniciación na Arte de Contar Contos "BRINCAR COAS LENDAS" que impartirá a actriz e contacontos RAQUEL QUEIZÁS. 

Para contar un conto hai que ter moitas ganas de contalo. A narradora ou narrador ten que sentir a necesidade de comunicalo e crear un mundo de imaxes nas que mergullarse, só deste xeito o auditorio o poderá ver.

Neste obradoiro achegarémos ao alumnado o amor pola nosa lingua a través dos contos e das nosas lendas para descubrirlles os nosos seres míticos, que en ocasións gardan moitas similitudes cos seres míticos doutras culturas. Adaptaremos historias facendo que prime a acción, contando os acontecementos secuencialmente para crear interese, introduciremos repeticións, mesturaremos elementos da vida cotiá con elementos marabillosos. Meterémonos na pen dos personaxes, espontáneamente, sen forzarse, a través de diferentes técnicas e recursos.

Participarán deste obradoiro os alumnos de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos en dúas sesións ás 11:00 e 13:00 horas.

Esta actividade forma parte do programa de obradoiros e concursos de creación literaria incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.


https://www.dropbox.com/s/cqfkcs6jzzy0t84/Cartel%204%C2%BA%20ciclo%20-%20TELON%20AZUL.jpg?dl=0

Para continuar homenaxeando ás nosas tradicións a través de historias contadas oralmente que farán que a imaxinación de mozos e adultos viaxe a través dos contos de sempre mesturados tamén con historias mais actuais celebramos este ano o 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" DE PAZOS DE BORBÉN.

Todas as actividades deste 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL se celebrarán no Auditorio do Concello os VENRES do mes de novembro. 

Estas actividades forman parte do programa 4º Ciclo de Tradición Oral incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O ciclo comenza o día 8 de novembro con duas actuacións de RAQUEL QUEIZÁS.

Ás 13:00 horas estará cos rapaces de 3º e 4º da ESO e con varios usuarios da Asociación ASPAVI co seu espectáculo "CASO PECHADO", dirixido especialmente a un público adolescente que recolle lendas urbanas, relatos de misterio e historias de terror. Nel unha detective fala dos casos máis curiosos que tivo que investigar, case todos foron resoltos, son casos pechados, agás un.

Con CASO PECHADO a narradora quere partillar cos adolescentes a súa fascinación polas historias de terror, misterio e o cine negro. As mozas e mozos son os protagonistas, tanto axudando a resolver casos como a recrear as situacións nas que tiveron lugar os sucesos.

Ás 20:00 horas volverá a actuar Raquel Queizás, desta vez co público xuvenil e adulto que o desexe para ofrecer o seu show "PALABRAS NA BOCA", un espectáculo baseado nas lendas que pasou escoitando na súa nenez que contan as pedras de tempos máxicos e remotos. Palabras na boca da súa nai, palabras na boca da súa avoa, palabras que a alimentaron e a fixeron crecer. Deambulando entre historias vividas e lidas, namorouse. Palabras na boca trae para compartir e urdir relatos coa súa voz... e coas súas mans.

Continuará o 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" o venres 15 de novembro coa presenza de CRIS DE CALDAS que nos ofrecerá os seguintes espectáculos:

Ás 13:00 horas ofrecerános o espectáculo "OS CONTOS DO MEU BAÚL" no que Cris de Caldas trae un baúl cheo de contos e poemas no que leva contos escoitados aos maiores, e contos lidos. Contos para aprender e contos de humor. Moito conto hai no seu baúl!. E tamén saen del versos dos que che deixan o ritmo pegado ao corpo. Nese baúl cabe todo tipo de sorpresas. Abrímolo?!.

A esta primeira sesión asistirán os rapaces de 1º e 2º de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, ademais de varios usuarios da Asociación ASPAVI.

Ás 20:00 horas presentará para o público adulto "TECENDO CONTOS", contos tecidos na memoria dos tempos e transmitidos oralmente xunto a outros contos tecidos na escrita. Versións non coñecidas de contos clásicos que se unen a interpretacións libres de relatos literarios. Oralidade e literatura danse a man para xuntar contos para non esquecer, dos escoitados ao redor do lume, de denuncias, pantasmas e algunha risa tamén se tecerá...



A seguinte actividade deste mes de novembro son os Obradoiros científicos "KIDS" e "WATER" que terán lugar o Luns 18 de Novembro ás 11:00 e 13:00 horas na Sala de Lectura da biblioteca e que serán levados a cabo polo equipo de CIENCIA EN MOVEMENTO, unha iniciativa dun grupo de científicos interesados en promover a cultura científica e achegar a ciencia aos estudantes de forma atractiva, interactiva e práctica.

Nesta actividade participarán os alumnos de 2º e 3º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

No obradoiro "KIDS" haberá multitude de experimentos no que os participantes xogarán con globos, confetti, carreiras de latas, cun fluído moi estraño que levarán de recordo. A materia é impresionante!

Pola súa parte o obradoiro "WATER" terá como fío condutor o auga, e nel os participantes aprenderán as súas peculiaridades propiedades e distintas posibilidades. Ademáis, todos os participantes levarán para a súa casa o seu propio submarino construído durante o obradoiro, ao máis puro estilo Xulio Vernil.

Esta actividade forma parte do programa de divulgación científica en galego incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.



O mércores día 20 de Novembro teremos na Sala de Lectura un novo espectáculo de MAGO PACO de A Illa dos Nenos co nome de "MAXIA VS. CIENCIA" que mestura dúas disciplinas, a Ciencia e a Maxia, que a priori non teñen nada en pero acabará demostrando o moito que se parecen e todo o que comparten unha vez que nos achegamos a elas dunha maneira diferente e moi divertida.



Coa axuda deste mago un tanto tolo e fascinado polo mundo dos experimentos e da maxia a partes iguais, descubriremos algúns dos porqués dalgunhas das diferentes partes da ciencia como: As cores, as matemáticas, o son, a astronomía ou os efectos ópticos e de 3D. As veces sen poder case distinguir se verdadeiramente é cousa de maxia ou polo contrario, o que vemos, tocamos ou facemos ten unha explicación científica.

Un espectáculo dinámico e moi entretido que interactúa constantemente cos participantes facéndoos cómplices e protagonistas de cada experiencia.

Terá lugar en dúas sesións ás 11:00 e ás 13:00 horas nas que participarán os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, e alguns usuarios da Asociación ASPAVI.

Estas actividade enmárcase no programa de divulgación científica en galego incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra. 

venres 22 de novembro seguiremos có 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" no que estará con nós a veciña do Condado LORENA PINHEIRO co seu espectáculo "SEICA" cheo de emoción, diversión e reflexión empregando como ferramenta un dos apeiros máis antigos da humanidade: as historias contadas.

Historias, contos e faladurías recollidas na parroquia da narradora e no seo da súa familia, acompañando o espectáculo de pequenas intervencións musicais ao estilo Saladina, a súa avoa e unha das protagonistas das historias que sucederon en Meder, alá polos anos 40.

Iniciará as súas actuacións ás 13:00 horas cunha versión para adolescentes á que asistirán os rapaces de 3º e 4º de ESO e varios usuarios da Asociación ASPAVI. Pola tarde/noite ás 20:00 horas continuará cunha sesión especial para público adulto.


A seguinte actividade consiste nunha nova sesión do programa de “Encontros con autores” que terá lugar o Mércores 27 de Novembro, na Sala de Lectura á partir das 13:00 horas, e no que contaremos coa presenza do escritor e poeta ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO.

Antonio García Teijeiro naceu en Vigo no ano 1952. Exerceu como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade e a día de hoxe xa está xubilado. Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.

Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, másters e conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións. Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para a mocidade, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces/as. Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.

Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa...

No ano 2017 obtivo o PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL do Ministerio de Cultura polo poemario escrito en galego, POEMAR O MAR, publicado por Edicións Xerais e ilustrado por Xan López Domínguez.

Precisamente Antonio García Teijeiro ven a Pazos de Borbén para compartir as súas experiencias literarias cos alumnos de 5º de primaria e o encontro versará sobre a súa obra “POEMAR O MAR” pola que recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura do ano 2017.

"POEMAR O MAR" é un libro de poemas que forma parte da triloxía que se completa con "En la cuna del mar" e "Palabras do mar". Nestas tres obras o mar é o gran protagonista, un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra. Mares con ondas amarelas, con illas coma estrelas, mares de plumas que son de auga e mel, mares de tinta verde con barquiños de papel.

Esta actividade enmárcase no programa de encontros con autores incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

E finalizaremos as actividades deste mes pechando o 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" o venres 29 de novembro con dúas actuacións a cargo da mestra e narradora ANGELES GOÁS.

Ás 13:00 horas os alumnos de 1º e 2º de ESO e de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, ademais de varios usuarios da Asociación ASPAVI deleitaranse coas historias do seu espectáculo "O MEDO É LIBRE", composto dunha selección variada de contos propios e de tradición oral que trata da temática do medo, unha emoción coñecida por todos por ternos atopado con el nalgún momento da nosa vida. Contos que son historias de vida que nos falan dos medos que conviven con nós no día a día, que nos moven ou nos paralizan. Aínda así eles non teñen a última palabra, porque o medo é libre, si..., pero nós podemos decidir que grao de liberdade queremos darlle. 

Ás 20:00 horas veremos novamente a ANGELES GOÁS co espectáculo "AS FAMES CONTADAS" dirixido especialmente a público adulto cunha sesión de historias e contos que tratan a temática da fame, incluíndo non só a fame de comer senón outro tipo de fames que tamén temos os seres humanos. Comeza en torno á comida que se fai nunha casa para celebrar a festa. O feito de xuntarse é mesa provoca que se conten historias e sempre unhas van levando a outras. Así van saíndo as fames: de comer, de cariño, de aprender, de cartos... fames que dunha maneira ou outra temos que saciar. 

Esta última actividade forma parte do programa do 4º Ciclo de Tradición Oral incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra. 

A ENTRADA É DE BALDE EN TODAS AS ACTIVIDADES, se ben NALGUNHAS DELAS, tal e como está indicado nos carteis publicitarios, é OBRIGATORIA A INSCRICIÓN PREVIA CHAMANDO AO TELÉFONO da biblioteca nº 986 497 273.


ANIMÁMOSVOS A ACUDIR ÁS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR BIBLIOPAZOS!!!

ESPERÁMOSVOS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.