mércores, 9 de outubro de 2019

ENCONTRO CON AUTORES "MARIA CANOSA BLANCO" - "O LIBRO DOS MEDOS"


O mércores 16 de outubro na Sala de Lectura ás 13:00 horas, iniciamos o programa de “Encontros con autores”, consistente en reuniones literarias con diversos autores galegos para entrevistalos, traballar e comentar algunhas das súas obras literarias que, previamente os participantes -alumnos de Primaria e/ou ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos- terán traballado nas aulas.

Neste primeiro encontro contaremos coa presenza da escritora MARÍA CANOSA BLANCO. Profesionalmente é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, sendo escritora de corazón. Coñecida pola súa participación como xurado nos programas “Cifras e letras”, “Verbas van” e “Como un Allo” da TVG e tamén como autora de literatura infantil e xuvenil. É guionista de varios programas da TVG, articulista de “La Voz de Galicia” e ten participado tamén en varios programas radiofónicos de Radio Galega e Radio Voz. Ten recibidos varios premios literarios, entre eles o Premio Merlín de Literatura Infantil de 2017 pola súa obra “Muriel”.

Nesta ocasión María Canosa estará acompañada dos alumnos de 3º e 4º de primaria e o encontro versará sobre a súa obra “O LIBRO DOS MEDOS” que recibiu unha mención no VII premio Arume de poesía para nenos no ano 2013 e que profunda nos medos "que non o son", os medos que ameazan o soño da infancia e que a autora vai desmontando con intelixencia e rimas fáciles capaces de converter o pesadelo infantil máis terrorífica nun feliz soño.

Esta actividade enmárcase no programa de encontros con autores do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.