luns, 18 de febreiro de 2019

"CONTANDO CON ROSALÍA" para celebrar o 182º aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO

Iniciamos unha nova temporada de actividades de animación á lectura en BIBLIOPAZOS, a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén, con novas e interesantes actividades culturais das que iremos informando puntualmente.

Comezamos o próximo xoves dia 21 de febreiro conmemorando o 182º aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO -que ocorrerá o domingo 24 de febreiro- co espectáculo "CONTANDO CON ROSALÍA" a cargo da actriz, ilustradora e contadora MARISA IRIMIA.

Terá lugar na Sala de lectura da biblioteca ás 11:00 horas e a ela están convidados os alumnos de 2º e 3º de primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.


Haberá contos e poemas para compartir, cargados da musicalidade da poesía de Rosalía de Castro. Un achegamento á poesía da autora dun xeito lúdico, divertido e saboroso.
"Rosalía estaba sentada debaixo dunha árbore lendo un conto. De súpeto, unha xigantesca raposa saltou sobre ela e atrapouna.
-Ai, vou facer sopa de Rosalia! -dixo a raposa.
A raposa meteu a Rosalía nunha pota, pero... esa sopa non vai saber a nada. Non leva nin poesías nin contos!! Para que estea boa, a sopa TEN QUE LEVAR POESÍAS E CONTOS...!!"
Rimas, poesías e contos para o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Se queredes asistir a esta homenaxe a Rosalía de Castro aínda quedan algunhas prazas libres. A inscrición é obrigatoria, estades a tempo de facelo chamando ao teléfono da biblioteca nº 986 497 273.

Veña animádevos a participar nas actividades de BIBLIOPAZOS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.