luns, 19 de novembro de 2018

ACTUACIÓN DE PAULA CARBALLEIRA NO 3º CICLO DE TRADICIÓN ORAL

O próximo venres 23 de Novembro estará con nos PAULA CARBALLEIRA para continuar co 3º Ciclo de Tradición Oral.


Ás 13:30 horas contarános as súas "Historias de arrepío".
"O medo é unha das poucas cousas que non buscas. Ao medo atópalo. Os chamados "contos de medo" só perseguen un momento de arrepío do momento, unha lixeira inquedanza, unha sensación de vento frío que che aloumiña o pescozo. Candeas, aparecidos, ánimas en pena, agoiros, avisos...
Ben se pode dicir que o arrepío forma parte do outono e do inverno, e dalí proceden a maioría destas historias, das longas e escuras noites coa néboa ás portas. Contos que foron tecendo narradoras e narradores anónimos, ás veces recollidos por escrito, a maioría transmitidos oralmente para lembrarnos que a morte está á espreita, e que por iso hai que sentir con intensidade, tremer e rir cando o medo nolo permita, para esquecer por un momento o que agochan as tebras."
E ás 20:00 horas estará de novo co público con "Os contos que me contaron".
"Cando era nena non me contaron moitos contos, pero si me abriron as portas a moitas intrigas que me fixeron buscar as historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que descoñecía, na vida pola que ía camiñando, case correndo. Despois de adicarme á narración oral como profesión, oficio artístico, desde hai máis de vinte anos, descubrin que os contos veñen a min. Son contos que comparten as persoas que precisan lembrar e que lembres, que falan de quen somos, de onde vimos. Dalgún xeito, responden as grandes preguntas, gardan os misterios, fannos sorrir, rir, pero, sobre todo, pretenden facernos sentir a gusto, en boa compaña."
NON FALTEDES!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.