luns, 22 de outubro de 2018

3º CICLO DE TRADICIÓN ORAL -FALAR POR FALAR-


3º CICLO DE TRADICIÓN ORAL
"Falar por falar"

TODOS OS VENRES DE NOVEMBRO 
no
AUDITORIO DO CONCELLO
de
PAZOS DE BORBÉN

Un ano máis o Concello de Pazos de Borbén a través da Concellería de Cultura e da Biblioteca Pública Municipal "BIBLIOPAZOS" celebrará o Mes da Tradición Oral patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra con actuacións a cargo dos mellores contadores de historias de Galicia.

Este ano os escollidos son Isi, Avelino González, Quico Cadaval, Paula Carballeira e Cándido Pazó.

Con esta nova edición continuaremos homenaxeando as nosas tradicións a través de historias contadas oralmente que farán que a imaxinación de mozos  e adultos viaxe a través dos contos de sempre pero mesturando tamén  historias máis actuais.

Este novo ciclo arrincará o día 2 de novembro con duas actuacións de ISI:
Ás 13:30 horas estará cos rapaces da ESO do CPI Curros Enríquez de Pazos coa seu espectáculo "Hai que ler máis".
"A través do humor e a reflexión explicará aos rapaces e rapazas a importancia da lectura, intentando fomentar así a súa afección e o amor polos libros".
Ás 20:00 horas volverá estar, desta vez co público xuvenil e adulto que o desexe para asistir ao seu show "Contos e anécdotas"
"Humor branco, onde Isi conta  varias anécdotas persoais do seu día a día, sobre amigos e familia, así como tamén das súas tres nais tan coñecidas e simpáticas. Todas estas historias veñen cun ritmo frenético onde o espectador só terá uns poucos segundos para respirar entre tanta risa, saíndo así da actuación, cheo de satisfacción e alegría. 
Todo isto coa característica retranca galega e realzando a súa amada Galicia."
O venres 9 de novembro contaremos coa presenza de Avelino González:
Ás 13:30 horas ofrecerános a primeira actuación do día co espectáculo "Non me gusta ler".
"Non me gusta que me manden nin que me gobernen. E pasa algo se non leo? Nada. Logo, pra que voy ler se non quero?Tranquilidade, logo. Que non vos vou facer ler, nin pretender convencervos de que o fagades. Pero a conta de non ler, aínda habemos rir un cacho."
Ás 20:00h. presentará "Contos de contrabando".
"O contrabando é unha actividade comercial que non xera lucros ao estado. Comercia con artigos que o estado quere monopolizar e polo tanto faino de maneira que o estado non se dea por enterado (porque enterarse, entérase; e benefíciase).As historias de contrabando son cousas de xente que parece pequena, pero é grande. Tan coma nós que poderíamos ser nós."
O 16 de novembro estará con nos Quico Cadaval coas actuacións:

Iniciará as súas actuacións con "Contos doutro mundo" ás 13:30 horas.
"Quico Cadaval, leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersonal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario. Na sua forma actual, aproveita a referencia do espectro das historias tradicionais, para explotar outras zonas espectrais da nosa conciencia, nosa memoria e a nosa percepción.
Como sempre aparecerán tiranos, piratas, funcionarios, putas, taberneiros, cregos, valentes, estudantes, chavoleiros, filósofos, cans, vacas e outros fantasmas. Ou non."
E continuará ás 20:00 horas co espectáculo "Lendas Suburbanas".
"Os camiños da aldea, iluminados pola fría lúa, foran durante séculos, o territorio dos difuntos e dos fenómenos asustadores. Viñeron as autoestradas e escorrentaron aos espectros, e as rotondas deixaron ás bruxas sen lugares de reunión. Agora, as luces máis asustadoras son os fríos conos da garda civil de tráfico.
Agora, as historias que se contan no inverno acontecen en lugares novos, discotecas, gasolineiras, puticlubs, mais o medo é o de sempre, o de toda a vida."
O venres 23 de novembro voltará a Pazos de Borbén Paula Carballeira:

Ás 13:30 horas contarános as súas "Historias de arrepío".
"O medo é unha das poucas cousas que non buscas. Ao medo atópalo. Os chamados "contos de medo" só perseguen un momento de arrepío do momento, unha lixeira inquedanza, unha sensación de vento frío que che aloumiña o pescozo. Candeas, aparecidos, ánimas en pena, agoiros, avisos...
Ben se pode dicir que o arrepío forma parte do outono e do inverno, e dalí proceden a maioría destas historias, das longas e escuras noites coa néboa ás portas. Contos que foron tecendo narradoras e narradores anónimos, ás veces recollidos por escrito, a maioría transmitidos oralmente para lembrarnos que a morte está á espreita, e que por iso hai que sentir con intensidade, tremer e rir cando o medo nolo permita, para esquecer por un momento o que agochan as tebras."

E ás 20:00 horas estará de novo co público con "Os contos que me contaron".
"Cando era nena non me contaron moitos contos, pero si me abriron as portas a moitas intrigas que me fixeron buscar as historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que descoñecía, na vida pola que ía camiñando, case correndo. Despois de adicarme á narración oral como profesión, oficio artístico, desde hai máis de vinte anos, descubrin que os contos veñen a min. Son contos que comparten as persoas que precisan lembrar e que lembres, que falan de quen somos, de onde vimos. Dalgún xeito, responden as grandes preguntas, gardan os misterios, fannos sorrir, rir, pero, sobre todo, pretenden facernos sentir a gusto, en boa compaña."
Pecharemos o 3º Ciclo de Tradición Oral o venres 30 de novembro con dúas actuacións de Cándido Pazó.

Ás 13:30 horas os alumnos da ESO co CPI "Curros Enríquez de Pazos" e demais público que queira asistir deleitaranse coas súas historias de "Así mo contaron".

"Esas verdades que parecen mentira.
Esas mentiras que parecen verdade.
Humor.
Emoción.
Memoria.
PALABRA."

Ás 20:00 horas veremos novamente a Cándido co espectáculo "Que comerá o rei?".
"Unha sesión de historias e contos inspirados nos textos e debuxos de Castelao. Un espectáculo que procura o humor agudo e tenro, a expresión sinxela e sutil, o trazo delicado e potente do xenial artista".
Estas actividades están patrocinadas pola


ENTRADA DE BALDE ATA COMPLETAR AFORO

NON VOS ESQUEZADES!!!
PROHIBIDO FALTAR!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.