sábado, 18 de novembro de 2017

SOMOS IGUAIS - CONTOS POLA IGUALDADE


O próximo Xoves 23 de novembro o Concello de Pazos de Borbén a través da Concellería de Servizos Sociais desenvolve o contacontos SOMOS IGUAIS, levado a cabo por RAQUEL QUEIZÁS no Auditorio do Concello.

Esta actividade atópase dentro do Proxecto “E eu que fago pola igualdade” en colaboración co CIM do Concello de Soutomaior e é financiado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O contacontos está destinado ao alumnado de educación infantil e primaria do CPI Curros Enríquez deste concello, en total 169 nenas e nenos. 

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 

“As sementes da violencia seméntanse nos primeiros anos de vida, cultívanse e desenrólanse durante a nenez e comezan a dar os seus froitos malignos na adolescencia”.

Precisamos, a través dos contos, mostrar ás nenas e ós nenos outros modelos cos que identificarse, para que vexan que SOMOS IGUAIS; nenas fortes, nenos sensibles.

Os contos fomentan a empatía. É dicir, a capacidade de poñerse no lugar doutro e identificar as emocións alleas. Os contos son unha gran ferramenta para a coeducación, pero antes de ensinar hábitos, debemos aprender a ser, como dicía Aristóteles, a nosa mellor versión posible de nós mesmos. Esa é a felicidade. E para alcanzala temos que desaprender, criticarnos, ver e comprender, saber identificar un entorno ou situación violenta tanto no ámbito doméstico, no ámbito escolar como no ámbito persoal. Só así poderemos cambiar o que non funciona. 


SOMOS IGUAIS 

Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de PRINCESAS ROSAS e apoucadas e de PRÍNCIPES AZUIS e insensibles e un día dixo BASTA XA!!!

Puxo o gorro e os anteollos de pilota e foi buscar contos para demostrar que nenas e nenos SOMOS IGUAIS. Sí, igual de valentes e igual de sensibles.

Descubriremos historias de nenas e nenos (ou animais) que rompen os estereotipos que abundan nos contos; nenas decididas, nenos sensibles. Identificaremos situacións as que nos temos que enfrontar día a día, na escola, na casa, cos amigos, …onde a violencia ou a agresividade física e verbal pode ter solución grazas á palabra e gozaremos brincando coa imaxinación que nos une.

Dende a nenez pódese previr todo tipo de violencia mediante novos modelos de feminidade e masculinidade rachando así cos roles e estereotipos asignados.

Desmontemos cos contos eses estereotipos que dificultan a convivencia pacífica entre nenas e nenos. 

AS NENAS 

As nenas necesitan outros modelos nos que reflexarse. Dende moi pequenas a sociedade, ensina as nenas que a súa valía está determinada primordialmente pola súa beleza, o seu rol reprodutivo, a súa delgadeza, por ser sensibles, cariñosas e obedientes e non pola súa intelixencia, asertividade, creatividade e capacidade crítica ou de liderazgo. 

OS NENOS 

As emocións non son só cousas de nenas… É moi importante que os nenos aprendan a expresar tamén de forma axeitada as súas emocións, moitas vetadas como xénero, que pode rematar sendo unha das sementes de maltrato no futuro. Teñen que sentirse libres para falar sobre iso, para evitar que esa frustración xere agresividade e violencia: “os nenos non choran”, “iso é cousa de nenas”…


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.