venres, 17 de novembro de 2017

EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS


Desde a Concellería de Servizos Sociais envíannos a seguinte información que publicamos desde á biblioteca para difundir entre as nosas/os seguidoras/es, usuarias/os e a poboación en xeral: 

EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS 

O Concello de Pazos de Borbén adheriuse este ano 2017 á campaña “EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS”, dentro da programación que vai desenvolver en relación ao prevención da violencia de xénero e fomento da igualdade.

Neste enlace pódese atopar mais información sobre a campaña:


Fundamentación da campaña: 

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades, etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc.—. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España.

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, no 2015, o Concello de Santiago puxo en andamento a campaña de sensibilización Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.

A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, no 2016, dezaseis concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña de sensibilización En negro, contra as violencias, e formaron parte da acción: A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas. Este ano xa somos máis de cincuenta os concellos que queremos situar na axenda política, con contundencia e para sempre, a loita contra as violencias machistas. 


Na actualidade, e neste ano 2017, hai 75 concellos e máis de 3.300 establecementos e axentes sociais que participan na acción nun mes de novembro para seguir sumando.

SÚMATE TI TAMÉN CONTRA AS VIOLENCIAS



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.