luns, 9 de outubro de 2017

"UN ROTEIRO CHEO DE HISTORIAS" Lendas e Contos na Senda da Fraga do Barragán



"UN ROTEIRO CHEO DE HISTORIAS" lendas e contos na Senda da Fraga do Barragán con ANA HERMIDA da Asociación Cultural Lisístrata o Martes 10 de Outubro de 2017.


A través do programa “CONTOS NA NATUREZA” preténdese promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio; fomentar a animación á lectura a través dun programa de promoción da tradición oral galega mediante contadores de historias; incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, natural e cultural do concello a través de actividades nas sendas do municipio, en concreto, nesta ocasión da Senda da Fraga do Barragán ao seu paso polos concellos de Mondariz, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.

Iniciaremos a andaina cos alumnos de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI sobre as 09:50 horas en Freaza (Fornelos de Montes) na parada do bus onde a marquesina e, dende alí, comezamos o percorrido pola Senda da Fraga do Barragán a uns 50 metros, acompañados por Alvaro Martínez Leiro, presidente da Comunidade de Montes de Moscoso, que será o noso guía durante todo o percorrido.

A andaina continuará ata a zona do Monte da Cidade en Calvos (Fornelos de Montes) durante uns 120 minutos aproximadamente, pasando polas parroquias de Xunqueiras e Moscoso (Pazos de Borbén) visitando muíños, pontes e toda a ribeira do río Barragán.

No Monte da Cidade estaranos a esperar a actriz e contadora de contos ANA HERMIDA da Asociación Cultural Lisístrata que intentará incentivar aos xovenes no hábito lector coas súas historias e lendas do seu espectáculo "UN ROTEIRO CHEO DE HISTORIAS".
“Os espazos que andamos cada día agochan segredos que convén coñecer, tamén o entorno natural está cheo de contos que iremos narrando nun percorrido cheo de historias da historia, lendas fascinantes, curiosidades e personaxes que gardamos na mochila para todo o público que se achegue a facer este roteiro con nós.”
Ao finalizar pasearemos un ratiño ata o cruce de Calvos onde nos esperan os buses para voltar aos puntos de orixe.

VEN A BIBLIOPAZOS
E
PARTICIPA NAS ACTIVIDADE

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.