domingo, 15 de outubro de 2017

INVENTARIO ILUSTRADO DAS AVES


INVENTARIO ILUSTRADO DAS AVES
Ilustracións: Emmanuelle Tchoukriel
Tradución: Fernando Moreiras
Kalandraka Editora, 2016
Factoría K de Libros

Xénero: Libros infantís - Ciencia - Zooloxía

Idade recomendada: +6 anos

Voar, poñer ovos, ter bico... non son dominio exclusivo das aves: os morcegos, que son mamíferos, voan; os caracois, que son gasterópodos, e os peixes poñen ovos; as tartarugas, que son réptiles, e os polbos tamén dispoñen de bicos córneos... Mais o que si teñen as aves que non ten ningún outro animal son... milleiros de plumas que lles recobren o corpo e as alas.

Das máis de 10.000 especies de aves que hai no mundo, este libro recolle 80: dende o pingüín ao colibrí, da anduriña ao merlo, da curuxa ao pelícano...

Ademais dun pequeno vocabulario ilustrado sobre a súa morfoloxía, descríbese a plumaxe de cada especie, peculiaridades da súa alimentación, ou curiosidades sobre os seus hábitos de apareamento, entre outros detalles sorprendentes, como o chío que fan ao cantar. Tamén se achegan datos relativos ao tamaño e á envergadura media de cada ave para comparalas entre si.

Como en todos os volumes desta colección, as ilustracións son de estilo científico, representadas coa precisión dos naturalistas nos antigos cadernos de campo: perfís feitos con rotulador e con tinta chinesa, e acuarelas de fermoso colorido que ofrecen unha imaxe sutil e poética evocadoras criaturas.

Un libro atractivo non só pola vistosa representación gráfica das aves, senón tamén polos contidos técnicos -asequibles e informativos- sobre uns animais que aniñan, voan e pían nestas páxinas repletas de penuxe.

ISBN: 978-84-16721-02-3
Nº de páxinas: 80
Formato: 21,5 x 30 cm.
Encadernación: Tapa dura

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.