xoves, 19 de outubro de 2017

2º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR"

Tódolos Venres

do mes de

NOVEMBRO

no

Auditorio do Concello

de

Pazos de Borbén



Por segundo ano a Concellería de Cultura do Concello de Pazos de Borbén a través da Biblioteca Pública Municipal celebrará un novo CICLO DE TRADICIÓN ORAL coa programación tódolos venres do mes de novembro de diversas actuacións a cargo dalgunhas das mellores contadoras de historias de Galicia. 

Fátima Fernández, Sherezade Bardají, Soledad Felloza e Ana Carreira son as contadoras seleccionadas para esta 2ª edición coa que se pretende continuar homenaxeando ás nosas tradicións a través das historias de sempre que nos contaban os nosos antergos: contos e lendas tradicionais de arrepío, de medo, de morte, de mouras, de aparecidos, de alegrías, de penas, de ricos, de pobres, de animais, de mitoloxía..., co obxectivo de espertar a imaxinación e a emotividade con estas historias que nos conectarán cos nosos avós e tataravós e con aqueles lonxanos tempos nos que... había moito conto.

A inauguración deste 2º CICLO será a cargo da lucense Fátima Fernández o día 3 de novembro ás 13:00 horas co espectáculo "Contos revoltos" para os alumnos de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

"Había unha vez unha contadora de historias moi ordenada, levaba todos os seus contos colocadiños dentro das súas maletas; pero un día, un remuíño curioso quixo ver os seus contos, meteuse nas maletas e cando saiu delas, os contos estaban todos revoltos, os de amor cos de medo, os pequenos cos grandes..."

O mesmo día ás 20:00 horas para mozos e adultos ofreceranos outra actuación coa espectáculo "Contos en boca dunha muller".

"As mulleres non só somos personaxes da narrativa oral, fumos quen de transmitila. Na nosa Galicia, as nais e avoas abanearonnos nos seus berzes mentras nos contaban as historias que a elas lles contaron, ou que elas inventaban. Hoxe gostaríame contarvos algunhas das que eu escoitei na miña casa."

10 de novembro ás 20:00 horas terá lugar a actuación de Sherezade Bardají con "A noite nos ollos".

"Unha cadeira, máis de dúas historias, e tres caixas de galletas. Invítovos a sentarvos, para escoitar, para ver e vivir un espectáculo de contos. Con algúns obxectos que non son o que parecen e algunhas historias que parecen o que son. En definitiva, un xogo de luces, un espellismo."

Continuamos o ciclo o día 17 de novembro ás 20:00 horas coa contadora hispano-uruguaia Soledad Felloza co seu espectáculo "Unha mulata na corte do Rei García", un repertorio composto por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega...

"Á corte do Rei García chega unha mulata. A diferencia do ianqui que parou na corte do rei Artur, que tenga cambiar todo cos seus coñecementos de futuro, esta mulata fai unha viaxe ao pasado para celebrar a riqueza dun reino que algúns queren deixar perdido no fo0ndo dos tempos. Un espectáculo para percorrer o mapa do imaxinario dun territorio que ten un humor e unha historia tan rica como as súas altas ribeiras. Historias dun mundo onde a memoria vai máis alá, esfumándose e desdebuxándose en mil recantos para volver ser xuntada e contada de novo."

Para pechar este 2º Ciclo de Tradición Oral, o día 24 de novembro ás 13:00 horas Ana Carreira ofrecerálle aos alumnos de secundaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos o espectáculo"Moito conto".

"A través do lúdico faise unha revisión da concepción clásica do conto, para adaptala á necesidade dun discurso máis actual. Princesas que non queren ser princesas, títulos que conteñen outras historias, a forza dos pequenos fronte aos grandes. En definitiva, personaxes que cambian de rol para cambiar o mundo."

E ás 20:00 horas nova actuación de Ana Carreira dirixida a mozos e adultos contaranos "Pequenas historias".

"Un repertorio que xorde de fontes como a literatura, a tradición oral e o anecdotario persoal ou o imaxinario social. Trátese dun conxunto híbrido de contos cuxo nexo común son uns personaxes con pequenas vidas que non afectan á historia do mundo, pero que contan moito. Unha laretada sobre persoas, que deixan tal pegada nos corpos e no maxín, que hai que contalo."

Este ciclo de Tradición Oral está patrocinado pola



ENTRADA DE BALDE

ATA

COMPLETAR AFORO


ESPERÁMOSVOS, NON FALTEDES!!!


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.