mércores, 27 de setembro de 2017

ANDAINA GUIADA POLA SENDA ARQUEOLÓXICA DE AMOEDO E "CONTOS NA NATUREZA": "A METAMORFOSE DE MEDUSA E OUTRAS HISTORIAS" - Animación á lectura

BiblioPazos realizará cos alumnos e alumnas do CPI Curros Enríquez un paseo pola Senda Arqueolóxica de AMOEDO. 

Despois de celebrar o pasado día 9 de setembro a andaina “O Eco das Pedras” pola Senda Arqueolóxica de Amoedo - na que participaron o arqueólogo Xosé Lois Vilar e a actriz e contacontos Raquel Queizas- a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén realizará un segundo percorrido cos rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria do CPI Curros Enríquez o próximo martes 3 de outubro.


Esta andaina contará con dúas actividades.

Na primeira contaremos novamente coa presencia do arqueólogo e divulgador Xosé Lois Vilar do Instituto de Estudos Miñoranos, quen dará conta da importancia e dos misterios que a día de hoxe aínda continúan ao redor da arte rupestre e megalítica de Galicia; e sempre nun ambiente educativo e de lecer, os alumnos visitarán petróglifos, mámoas e o foxo do lobo de Amoedo, estrutura que a dia de hoxe aínda inspira a imaxinación sobre o misterioso lobo baixo as explicacións de Xosé Lois Vilar.


Unha vez rematada a andaina arqueolóxica, os alumnos e alumnas descansarán xunto ao maxestoso Carballo de Martiz, onde a contacontos CHARO PITA comezará coa segunda e última actividade do día que buscará a participación e complicidade dos ollos dos máis novos e novas ofrecendo o seu espectáculo de narración oral “A metamorfose de Medusa e outras historias” contos recollidos de distintas mitoloxías sobre historias de metamorfoses e transformacións en elementos da natureza. 

O punto de encontro e comezo da ruta será desde a Casa Cultural de Amoedo sobre as 10:00 da mañá e desde alí iniciaremos a caminata pola Senda Arqueolóxica de Amoedo.

Recoméndase aos asistentes que traian calzado adecuado para camiñar por sendas forestais, e roupa de abrigo para a humidade e o frío; e tamén algo de bebida e merenda por si entra a fame e a sede.

Dende a Concellería de Cultura e dende a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén (BIBLIOPAZOS) agradecemos a Jorge Alvarez a súa axuda para facer posible esta andaina e a súa publicidade. 

Esta actividade está patrocinada pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

Para asistir a esta actividade é necesaria a INSCRICIÓN PREVIA na Biblioteca, chamando ao teléfono
986 497 273

VEN A BIBLIOPAZOS
E 
PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.