luns, 31 de xullo de 2017

Recomendacións (1)

Acabo de ler varios títulos este días de finais do mes de xullo, e quero recomendalos aos seguidores, usuarios e socios da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén ¨BiblioPazos".

O primeiro deles é "O tío Miseria e outros contos" do autor Henrique Labarta Pose (Baio, Zas 22/07/1863 - Barcelona 13/05/1925).

Este escritor e xornalista fundou e dirixiu moitas publicaciones nas que puxo de manifesto a súa tendencia ao humorismo satírico: Galicia Humorística (1888), El País Gallego (1888), La Pequeña Patria (1890), Extracto de Literatura (1893) e Pasatiempos (1893-1894); dirixiu Galicia Moderna (1897) e colaborou en Galicia Recreativa e Mi Tierra co pseudónimo de Antón de Rabodegalo.

De seguido foi un pequeno libro de poesía da gran contadora de contos, escritora, actriz e directora teatral Paula Carballeira (Maniños, Fene (A Coruña) titulado "Nunca mascotas".
 
Este obra é unha ollada, a da poeta Paula Carballeira, que quere contar, dende a beleza, dende a reflexión, á mocidade, que pensa ela sobre esta vida animal da que temén formamos parte. 

Poesía para a xente máis moza.

Que ten a ollada aínda limpa que, dende logo que si, teñen moitos seres da natureza. Ás veces máis ca nós.

O seguinte libro en ler foi o do escritor e poeta vigués Antonio García Teijeiro "Raiolas de sol", catro pequenos relatos, catro pequenas historias. Unha mestura de personaxes inesquecibles (Xiana, Mariña, Iván e Espe). Vellos músicos e mestres e poetas e mentes curiosas dispostas a cambiar a vida para sempre por un verso, por un beixo, por un acorde.

E, por último, unha novela "A boca do monte" da autora Celia Díaz Núñez (O Páramo-Lugo) na que repasa un momento da nosa historia que é moito máis ca a construción dun túnel ou o furado brutal dunha montaña brutal.

Sobre todo, é unha historia sobre a nosa historia, sobre os nosos devanceiros que foron esmagados por un imperio, o romano, ao que pouco lle importaban as xentes de Galicia máis que como man de obra á que escravizar. Pero malia a situación, sempre hai quen se rebela, sempre hai quen pelexa pola súa liberdade.
Unha viaxe pola Galicia de hai moitos séculos. Unha obra para saber un pouco máis de nós e da nosa historia.

 
Non vos esquezades, están á vosa disposición en BiblioPazos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.