domingo, 14 de maio de 2017

GONZALO TORRENTE BALLESTER: O escritor, o amigo


GONZALO TORRENTE BALLESTER
O escritor, o amigo
Autor: Carlos Casares

Edita: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura

Xénero: Biografías

O texto central é a transcrición dunha conferencia que Casares pronunciou en decembro do ano 2000 en París, no Colexio de España, e, polo tanto, non resulta estritamente un texto biográfico. Trátase máis ben dunha aproximación persoal á figura do escritor ferrolán, con quen Casares compartiu durante case vinte anos faladoiro de verán tanto na súa casa de Vilariño como na de Torrente, situada a poucos quilómetros, ou nunha cafetería en Baiona. O relatorio busca a relación entre as creacións de Torrente e a realidade, narra anécdotas en común e tamén retrata as contradicións dun autor que viviu a Guerra Civil e que tivo que pasar da militancia galeguista ao bando dos intelectuais falanxistas; e o realismo dun autor cando acepta que os seus mellores libros xa foron publicados.

Gonzalo Torrente Ballester: o escritor, o amigo complétase cun capítulo do libro Un país de palabras, ‘O amigo que inventou unha cidade’, no que Casares analiza o proceso creativo do seu amigo e a sempre confusa relación que na súa obra teñen realidade e ficción. Complétase o volume cun álbum de imaxes familiares dos dous creadores.

D.L: VG 431-2002
Nº de páxinas: 71
Encadernación: Tapa dura




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.