sábado, 11 de marzo de 2017

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 2017


Outro ano máis BIBLIOPAZOS súmase aos actos para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebrará en todo o mundo o próximo día 2 de abril e que en España promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (International Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e Galtzagorri Elkartea. 

Dende o ano 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona un escritor/a representativo e a un recoñecido ilustrador/a do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e promóvese a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librarías, etc. 

Este ano 2017 difundirase entre os nenos e nenas do mundo a mensaxe do poeta SERGEY MAKHOTIN e o cartel do ilustrador MIKHAIL FEDOROV que preparou a sección rusa do IBBY. 

A OEPLI convídanos a todos a participar no CONCURSO “ANDERSEN HOXE” dirixido a todos os lectores e lectoras que estean a cursar Primaria ou primeiro ciclo de Secundaria a través do seu centro docente ou dende a biblioteca. As bases pódense descargar facendo clic AQUÍ.

ACTIVIDADES
O mércores 5 de Abril, a partir das 13:00 horas na Sala de Lectura, aproveitaremos para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, para o que teremos a ANDREA VÁZQUEZ de “Os Piñeiriños” co seu espectáculo de contacontos “Mergullámonos!... outra vez”, dirixido a nenos e nenas ata 9 anos, e que son un conxunto de historias que nos convida a explorar o mundo das emocións.. Esta actividade que forma parte da programación de LER CONTA MOITO de 2017.

O venres 7 de Abril, a partir das 12:30 horas na Sala de Lectura, seguiremos coas celebracións do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co Obradoiro de Poesía Visual a cargo do poeta David Fernández Rivera co obxectivo de fortalecer a creatividade innata dos nenos e a observación sen prexuízos nin etiquetas, ademáis de dar a coñecer e valorar os diferentes tipos de manifestación poética, valorar a poesía visual como expresión tan valiosa coma as contidas nos textos literarios tradicionais, fomentar o traballo grupal… Esta actividade esta patrocinada pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do programa PONTEGAL.



MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL
DO LIBRO INFANTIL 2017 

MEDREMOS CO LIBRO!

Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con
xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un
libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da
casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para
as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me
gustase.

De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procu-
ra crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo
axudaba a conseguilo.

Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación
comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o
tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepita-
ban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando
pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a
ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras
e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación.

Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de
que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben
cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta
de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particu-
lar, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse
entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta
cando comezas a lelo.

Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis compli-
cado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está
preparado para responder. Con todo, é tan importante que compar-
tas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de
novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido
pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe
favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles
con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero
queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente
ou ter o mesmo enxeño.

Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa.
Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven
películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler
non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a
personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer.

E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros
infantís!
Sergey Makhotin


Traducción: Sabela González Panizo

Fonte: GÁLIX - OEPLI

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.