sábado, 25 de marzo de 2017

CANTOS DE LEMBRANZA


CANTOS DE LEMBRANZA
Poemas de XOSÉ NEIRA VILAS
Textos: Xosé Neira Vilas e Manoele de Felisa
Edita Sons de Galicia (Técnicas & Gramaxe S.L.)
Ano de edición: 2014

Xénero: Libro-Disco / Poesía Galega

“Cantos de Lembranza” é o título deste libro-disco concibido como unha homenaxe á infancia do que é unha das figuras máis relevantes da literatura galega de todos os tempos.

Neira Vilas fai un repaso a través da poesía, polos seus recordos máis profundos; a súa nai, os seus avós, os veciños… Un repaso que debuxa todas as imaxes que o escritor ten gardadas na súa memoria; a escola, o camposanto, o río… En definitiva un camiñar polo seu Gres natal e as súas primeiras lembranzas.

O encargado de cantalas é Manoele de Felisa, cantautor de longa traxectoria, decidiu poñerlle música a estes poemas e convertelos en cancións, dando como resultado un CD de catorce pezas musicais preparadas coa colaboración do propio Neira Vilas.

Non é a primeira vez que o músico de Cuntis lle pon son a unha obra poética, dende que comezara no ano 99 musicalizando as cantigas de Martín Códax, foron varios os escritores que pasaron pola súa guitarra, un xeito de achegar estas obras ó público dun xeito diferente, dándolles outra dimensión.

No disco, producido por Sons de Galicia e Limón Produccións, participaron figuras tan destacadas da cultura galega como Luís Emilio Batallán, Uxía Blanco, Uxía Senlle, Jose Acha, Clara Pino, Jacobo González, Eduardo Méndez (Dubi), Carlos Calviño, Carlos Dadín (Chavo), Pablo Vidal, Silvia María, Willy Mondeja, Abranham Leiro, Javier Rabanal ou Sapoconcho.

Na publicación de "Cantos de Lembranza" tamén poarticipou o profesor e escritor Víctor Freixanes, prologuista do libro así coma os ilustradores Sabela Arias, Xosé Vizoso, Chema Pazos, Ma. Fe. Quesada ou Xaquín Marín.

O proxecto contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. Ademais, tamén colaboran o Concello de Vila de Cruces, o Concello de Boqueixón e a Fundación Xosé Neira Vilas.

ISBN:978-84-933317-6-4
Páxinas:32
Encadernación: Tapa dura

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.