xoves, 7 de xullo de 2016

TEATRO: A LINGUA NA BOCA. Letras, riscos e pensamentos de Castelao


A LINGUA NA BOCA, letras riscos e pensamentos de CASTELAO é un espectáculo cómico, poético e musical sobre a figura do polifacético Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Un proxecto deseñado para a Deputación de Pontevedra con motivo da celebración do ANO CASTELAO.

Un espectáculo sobre o home, sobre o debuxante, sobre o médico, sobre o político, sobre o escritor.

Un espectáculo sobre Galicia e a súa lingua a través dunha achega contemporánea á obra de Castelao.

Dicía Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e graza da lingua”. A lingua como xeito de entender e coñecer o mundo, a lingua como elemento de unión nun relato cultural compartido.

Castelao é unha das principais figuras da historia da Galiza, porén, non é pasado, é presente e futuro. Dende esa premisa construímos un espectáculo que serve de homenaxe e de reflexión compartida sobre o seu legado pois Castelao está máis de actualidade que nunca.

A Lingua na boca é un espectáculo multidisciplinar que integra música en directo, teatro, manipulación de obxectos e narración oral para xogar coa lingua.

Durante o espectáculo interpretaranse temas e melodías tradicionais galegos actualizados xogando coas posibilidades creativas que achega unha loop station e interpretados con guitarra, contrabaixo, melódica, zanfona e percusión. A exploración con distorsións, efectos e xogos vocais completan a atmosfera sonora desta homenaxe a Castelao.

Limiar teatro é unha compañía galega creada en 2009 á cabalo entre Vigo e Viana do Castelo. Con máis de 300 representacións en España, Francia, Portugal e Brasil dende entón, os seus espectáculos caracterízanse pola integración de diferentes disciplinas artísticas (teatro, danza, música, teatro de obxectos, cociña ou artes plásticas). Do mesmo xeito, Limiar teatro ten un especial interese pola lusofonía, ainternacionalización da cultura e a integración das artes escénicas na comunidade.

Dende 2013 a compañía é a encargada da coordinación do Festival de Teatro Lusófono de Galicia “Ponte na Escena”, proba dese compromiso coa lingua e a lusofonía.

EQUIPO

Dramaturxia, dirección e espazo escénico
Fran Núñez
Axudantía de dirección
Nuria Gullón e Jose Carlos Illanes 

Axudantía dramatúrxica
Manuel Polo
Espazo sonoro, composición musical e arranxos
Brais Iriarte 

Axudantía espazo sonoro
Coco Castro
Axudantía composición musical
Hugo Rodríguez Castro
Intérpretes
Brais Iriarte e Fran Núñez






NON VOS ESQUEZADES

Venres 22 de Xullo de 2016
22:00 horas
Praza do Concello de Pazos de Borbén

GOZA DESTE VERÁN CON
TEATRO GALEGO

ESTADES TODOS CONVIDADOS

ESPERÁMOSVOS
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.