mércores, 16 de marzo de 2016

XIII CERTAME LITERARIO DE NARRATIVA E POESÍA - CONCELLO DE AMES

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza todos os anos un Certame Literario dirixido a todos os e as amantes da literatura. 

Trátese dun concurso de Narrativa e Poesía que xa está máis que consolidado na comunidade galega e que incluso conta con participantes do resto de España e do estranxeiro. 

Este certame é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación. 

O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa patrocinadora do certame, publica todos os anos un libro que recolle todos os traballos premiados. Cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición.

Como nas edicións anteriores, poderá participar no concurso calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. 

Os textos deberán presentarse ata o día 4 de abril.

En cada modalidade do certame (Narrativa e Poesía) establécense tres categorías e, en cada categoría, tres premios.

Dúas modalidades: POESÍA E NARRATIVA

1ª Categoría (ata os 13 anos)

1º premio: 150 €uros
2º premio: 120 €uros
3º premio: 90 €uros. 

2ª Categoría (dos 14 aos 17 anos)

1º premio: 180 €uros
2º premio: 150 €uros
3º premio: 120 €uros 

3ª Categoría (18 anos ou máis)

1º premio: 260 €uros
2º premio: 210 €uros
3º premio: 180 €uros 

Presentación dos traballos 

Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar ata o 4 de abril catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.