venres, 18 de marzo de 2016

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 2016


Dende BIBLIOPAZOS queremos sumarnos outro ano máis aos actos para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebrará en todo o mundo o próximo día 2 de abril e que en España promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (International Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e Galtzagorri Elkartea. 

Dende 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona un escritor/a representativo e a un recoñecido ilustrador/a do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e promóvese a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librarías, etc. 

Este ano 2016 difundirase entre os nenos e nenas do mundo a mensaxe da escritora LUCIANA SANDRONI e o cartel do ilustrador ZIRALDO que preparou a sección brasileira de IBBY. 

A OEPLI convídanos a todos a participar no Concurso “ADOPTA UN ANIMAL DE CONTO” cuxas bases podes descargar AQUÍ.

ACTIVIDADES

O mércores 6 de Abril, a partir das 11:00 horas na Sala de Lectura, aproveitaremos para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, para o que teremos á actriz e contacontos Olga Abad Prieto co Obradoiro Creativo de Sombras Chinescas "AS NOSAS HISTORIAS", dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos, e no se se busca fomentar a creatividade dos nenos, a escoita, e dar a coñecer ás novas xeracións a narración oral galega máis antiga. Esta actividade que forma parte da programación de LER CONTA MOITO de 2016.


Era unha vez... 


Era unha vez unha... Princesa? Non.
 
Era unha vez unha biblioteca. E era tamén unha vez Luisa, que foi á biblioteca por primeira vez. A nena camiñaba amodo, tirando dunha mochila de rodiñas enorme. Miraba para todo abraiada: andeis e máis andeis cheíños de libros... Mesas, cadeiras, coxíns de cores, debuxos e carteis nas paredes.
–Trouxen unha foto miña –díxolle timidamente á bibliotecaria.
–Moi ben, Luisa! Vou facerche entón a túa tarxeta da biblioteca. Mentres, podes ir escollendo un libro. Podes escoller un para levar para a casa, vale?
–Só un? –preguntou, decepcionada. 
De súpeto, soou o teléfono e a bibliotecaria deixou á nena con esa tarefa tan complicada de escoller só un libro de entre aquel mar de libros dos andeis. Luisa camiñou tirando da súa mochila e buscou e buscou ata que atopou o seu favorito: Brancaneves. Era un exemplar de tapa dura cunhas ilustracións preciosas. Co libro na man, volveu tirar da mochila e, xusto cando ía saír, alguén tocoulle no ombro. A nena case cae de cu da sorpresa: era, nada máis e nada menos, que o Gato con Botas, co seu propio libro nas mans ou, máis ben, nas poutas!
–Como está vostede? –preguntou o gato cunha reverencia–. Luisa, non sabes xa todo o que hai que saber desas historias de princesas? Por que non levas o meu libro, O Gato con Botas, que é máis divertido?
Luisa, asombrada, cos ollos estartelados, non sabía que dicir.
–Que ocorre? Comeuche a lingua o gato? –burlouse o gato.
–Es de verdade o Gato con Botas?
–Son eu de verdade! O mesmiño! Veña, logo, lévame para a casa e coñecerás todo sobre a miña historia e a do Marqués de Carabás. 
A nena estaba tan atónita que só puido asentir coa cabeza.
 O Gato con Botas mergullouse maxicamente de volta no seu libro e, cando Luisa estaba a marchar, sentiu de novo que lle tocaban no ombro. Era ela: “branca coma a neve, meixelas de roseira e cabelos tan negros coma o carbón”.  Sabedes quen era?
–Brancaneves! –dixo Luisa, perplexa.
–Luisa, lévame tamén contigo. Este exemplar –dixo, amosándolle o seu libro– é unha adaptación auténtica da historia dos irmáns Grimm.
Cando a nena estaba a piques de cambiar o libro de novo, o Gato con Botas apareceu, moi irritado.
–Brancaneves, Luisa xa se decidiu. Volve onda os teus seis ananos. 
–Son sete! E ela aínda non decidiu nada! –exclamou Brancaneves, arroibándose do enfado.
Os dous personaxes ollaron para a nena agardando unha resposta.
–Non sei cal levar. Quero levalos todos…
De súpeto ocorreu algo extraordinario e insospeitado: todos os personaxes comezaron a saír dos seus libros: Cincenta, Carapuchiña Vermella, a Bela Dormente e Rapunzel. Aquelo era todo un equipo de auténticas princesas. 
–Luisa, lévame para a túa casa! –rogaron todas elas. 
–Eu só preciso unha cama para durmir un chisco –dixo a Bela Dormente, bocexando. 
–Só cen aniños, un chisco! –mofouse o Gato. 
–Eu podería limparche a casa –falou Cincenta–, pero á noite teño unha festa no castelo do... 
–Do Príncipe! –berraron todas. 
–Na miña cesta levo torta e viño. Alguén quere? –ofreceu Carapuchiña Vermella. 
De seguido, máis e máis personaxes foron aparecendo: o Parrulo Feo, a Vendedora de Mistos e, tamén, o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.
–Luisa, podemos ir contigo? Somos pesonaxes de Andersen –pediu o Parrulo Feo que, en realidade, non era tan feo. 
–Vai caloriño na túa casa? –preguntou a Vendedora de Mistos. 
–Ouh, se hai unha cheminea, mellor quedamos por aquí... –engadiron o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.
Xusto entón, para sorpresa de todos, apareceu fronte a eles un lobo enorme e peludo, cos dentes afiados. Era o Lobo Feroz!
 –Lobo, vaia boca máis grande tes! –dixo Carapuchiña, por costume.
–Eu protexereivos! –falou o Soldadiño de Chumbo, con moito valor. 
Foi entón cando o Lobo Feroz abriu a súa enorme boca e... Comeunos a todos? Non! Bocexou do cansado que estaba e dixo, con moita calma:
–Tranquilizádevos todos. Só quería darvos unha idea. Luisa podería levar o libro de Brancaneves e o resto poderiamos ir na súa mochila, é abondo grande para todos nós.
A todos os personaxes lles pareceu unha moi boa idea.
–Podemos ir, Luisa? –preguntou a Vendedora de Mistos, que tremía de frío. 
–Claro! –dixo ela mentres abría a mochila.
Todos os personaxes puxéronse en fila e comezaron a entrar.
–Primeiro as princesas! –pediu Cincenta.
Ao final, foron aparecendo tamén personaxes do Brasil: Saci, Caipora, unha boneca de trapo que falaba moito, un neno toliño, unha nena cun bolso amarelo, outra coa foto da súa bisavoa pegada ao corpo, un rei pequeno e mandón. Todos e todas entraron. A mochila pesaba máis ca nunca. Os personaxes pesaban moito! Luisa colleu o libro de Brancaneves e a bibliotecaria anotouno na súa tarxeta da biblioteca.
 

Un anaco despois, a nena chegou á casa moi contenta. A súa nai chamou dende dentro:
–Chegaches, miña rula?
 –Si! Chegamos!

Escrito por Luciana Sandroni
Traducido por Sabela González
Ilustrado por Ziraldo

Fonte: GÁLIX - OEPLI

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.