venres, 31 de outubro de 2014

PROGRAMA "XUNTOS POLO NADAL"

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaria Xeral de Política Social organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopan soas nestas datas, xa sexa pola carencia de familiares ou amigos, a perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.


Prazas e destinos:
Ofértanse un total de 240 prazas distribuídas do seguinte xeito:
  • 120 na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, para as persoas solicitantes das provincias de Lugo e Pontevedra.
  • 120 na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán para as persoas solicitantes das provincias de Ourense e A Coruña.
Datas e servizos:
Este programa vaise desenvolver entre o 23 de decembro de 2014 e o 2 de xaneiro de 2015, e comprende os seguintes servizos:
  • Estancia na residencia durante 11 días (10 noites).
  • Aloxamento, en habitacións compartidas, e manutención en réxime de pensión completa.
  • Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades de Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense ata as residencias de tempo libre e viceversa.
  • Actividades de animación sociocultural.
A recollida das persoas participantes efectuarase o dia 23 de decembro pola mañá e o regreso o dia 2 de xaneiro despois do xantar.

Persoas beneficiarias:
Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 60 anos (telos cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes).
b) Estar empadroado nalgún dos concellos galegos.
c) Ter que pasar só/a as datas do Nadal.
d) Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade infecto - contaxiosa activa
nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia.
d) Non estar acollido/a en ningún centro residencial.
Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que:
-Realmente vivan soas e non teñan con quen pasar estas datas.
-Teñan máis idade.
-Teñan un menor nivel de ingresos económicos.
-Non participaran en pasadas edicións do Programa Xuntos polo Nadal nin este ano no de Benestar en balnearios ou nos de Termalismo e/ou Vacacións do IMSERSO. 
Solicitudes:
As solicitudes, acompañadas do informe social e a declaración responsable, formularanse nos modelos deseñados ao efecto e estarán debidamente cubertas e asinadas pola persoa que corresponda en cada caso.

Poderanse presentar ata o 15 de novembro, incluído, nos servizos sociais comunitarios dos concellos, nos departamentos de traballo social dos centros de saúde ou hospitais, nas xefaturas territoriais ou centros sociocomunitarios de benestar, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar; ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC).

Custo da praza:
As persoas participantes que teñan uns ingresos inferiores ao IPREM (532,51 euros/mes), asistirán de forma GRATUÍTA ao programa, mentres que aquelas cuns ingresos superiores a dito importe contribuirán ao pagamento da estadía coa achega de 50 €.

Unha vez efectuado o ingreso de dito importe, só se lles efectuará a súa devolución se non se incorporan ao programa e o comunican por escrito polo menos con 10 días de antelación ao seu comezo ou o día anterior ou o mesmo día en caso de forza maior: enfermidade ou falecemento dun familiar; situacións que terá que acreditar coa solicitude da devolución. Non se lles devolverá ningún importe se abandonan a estadía ou non se encontran nos supostos anteriores.

Os gastos de desprazamento desde o domicilio dos seleccionados ata o lugar que se sinale de saída nas localidades de Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo e viceversa serán por conta da persoa participante.

Documentación:
As persoas ás que se lle adxudique praza terán que confirmar a súa asistencia e,no momento de incorporarse ao programa ir provistas de:
  • DNI ou pasaporte en vigor.
  • Informe médico actualizado no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial (control sanitario tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio etc). De non levar a acreditación da necesidade, non se lle prestará ningún tipo de atención especial.
  • Tarxeta sanitaria, medicación habitual necesaria e/ou accesorios para o transcurso da estadía.
  • Roupa adecuada e cómoda.
Para mais información pódense dirixir a:
  • Teléfono Social 900 333 666 (de forma gratuíta).
  • Páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://benestar.xunta.es
  • Os servizos sociais comunitarios dos concellos e/ou departamentos de traballo social dos centros de saúde ou hospitais.
  • As xefaturas territoriais ou centros sociocomunitarios de benestar, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.