luns, 11 de novembro de 2013

Os catro amigos - LITERATURA INFANTIL

Os catro amigos
Irmáns Grimm 
Adaptación de Xesús Carballo Soliño
Ilustracións de Kristina Sabaite 
Col. Árbore. Audiocontos, 3. 
Ed. Galaxia. Vigo, 2009

Idade recomendada: + 6 anos

Inclúe CD

Adaptación do conto clásico dos Irmáns Grimm que conta que un burro, logo de pasar a vida carrexando todo canto lle botaban ás costas, ao chegar a vello e minguarlle as forzas recibía menos comida e máis paus no lombo, polo que decidiu marchar polo mundo adiante.

No seu camiñar fóronselle unindo: un can ao que, como xa non ten folgos para cazar, o amo négalle a comida e zorrégalle paus; un gato a quen os ratos se lle escapulen por vello e así o amo non lle raña o lombo e bate nel coa vasoira; un galo que vai ser parte do cocido por non ter folgos para ser xefe de galiñeiro. Andando, pillounos a noite na fraga e botáronse a durmir nun carballo. O galo, empoleirado no máis alto, enxergou a luz dunha casa, á que se dirixiron. Nela, uns delincuentes comían a fartar, aos que fixeron liscar, asustados cando eles comezaron a facer rebumbio. Nunca máis deles se soubo.

E os catro amigos quedaron a vivir, felices e contentos, na casa o resto dos seus días.

A edición multimedia, ademais do atractivo traballo de ilustración, incorpora un cedé coa narración dramatizada do texto e dúas cancións comúns á colección que abren e pechan a lectura.
 
28 páx.
21 x 24 cm.
ISBN 978-84-9865-225-3
Fonte: BLIX


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.