venres, 15 de novembro de 2013

Misterio na selva de Ngorongón - LITERATURA INFANTIL


Misterio na selva de Ngorongón 
Alberto Varela Ferreiro 
Ilustracións de Alberto Varela Ferreiro 
Ed. Galaxia. Vigo, 2009 

Idade recomendada: + 6 anos 

Un día que o bruxo Ngorongón ía buscar plantas medicinais á selva, sorprendeuse polo silencio que alí reinaba e descubriu que todos os animais estaban a mirar a mesma cousa. Empezaron as xirafas, que deixaron de buscar nas ramas máis altas das árbores as follas máis tenras; seguiron os monos, que xogaban colgados nas árbores, cando as viron mirando absortas aquela novidade; e o grupo foise ampliando cada vez máis: os elefantes pararon de bañarse na beira do río; as gacelas, de facer concursos a ver quen saltaba máis alto; os rinocerontes, de rebozarse no barro; o leopardo espertou da sesta; a serpe desenroscouse da rama da árbore; as avestruces deixaron o seu niño; os hipopótamos non seguiron somerxéndose na auga; o búfalo deixou de resgar o lombo na codia das árbores; ata foron xunto a eles os tucanos e loros, que presumen de guapos. Preocupado, o bruxo puxo a máscara das dúbidas e foi a onde saía unha musiquita dunha pantalla de cores que estaban a mirar todos os animais. 

E como lle pareceu maxia mala, botou o aparato ao río, onde o crocodilo o tragou dun bocado. Entón todos os animais volveron gozar co que lles dá a selva e o bruxo puxo a máscara de alegría. 
 
Álbum colorista que se recrea nos rechamantes retratos dos animais.

32 páx.
16 x 19 cm.
ISBN 978-84-9865-201-7

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.