martes, 22 de outubro de 2013

Xosé María Álvarez Blázquez "UN HEROE GALEGO" - LITERATURA INFANTIL

Xosé María Álvarez Blázquez
Un heroe galego 
Carme Hermida Gulías
Ilustracións de Mauro Trastoy 
Sotelo Blanco Edicións. Santiago, 2008


Idade recomendada: + 6 anos 

Diomedes, rei da cidade grega de Argos, cando un día regresou á casa despois de moitas batallas nas que destacou pola súa valentía, descubriu que a súa muller tiña outro compañeiro. Entón buscou calmar a súa tristura coñecendo novas terras. Así chegou á costa galega e fundou a vila de Tyde, que coñecemos hoxe como Tui. Nela naceu en 1915 Xosé María Álvarez Blázquez, fillo de médico e de muller de orixe cubana. Dende neno foi moi afeccionado a observar a natureza e a ler. Por iso estudou para mestre en Pontevedra, onde ademais se dedicou a escribir e a editar revistas como Cristal. Militante do Partido Galleguista, en setembro de 1936 non puido tomar posesión da súa praza de mestre titular en Coia, Vigo, polo levantamento dos militares contra a República española. En Galicia non houbo guerra civil, pois os militares rebeldes deseguida controlaron todo o territorio e castigaron duramente os republicanos e os galleguistas. Mataron o seu pai e outros familiares sufriron a represión cruel dos alzados en armas contra o goberno. A Xosé María, por galleguista, mandárono a unha escola de Zamora. En 1942 renunciou ao seu posto de mestre para volver a Vigo, onde se casou e tivo tres fillos e tres fillas. Xa maior, puido exercer de novo o ensino. Pero as súas ansias de servir a Galicia levárono a fundar dúas editoriais, escribir moitos artigos e libros de diferentes xéneros literarios. 

Ao parecer cando Diomedes marchou de Tui deixou na vila unha parte do seu espírito, que a deusa Atenea se encargaría de transmitirlle a persoas especiais para que fosen sabias, honradas e defensoras de causas xustas. As persoas, segundo a lenda, escólleas unha curuxa. Sábese que cando era neno Xosé María observou durante varios días unha curuxa que apareceu nunha árbore do seu horto. Seguro que era a curuxa de Atenea, que lle transmitiu o espírito de Diomedes e o converteu nun heroe da cultura galega. 

Biografía do escritor homenaxeado no Día dás Letras Galegas de 2008 que incorpora un poema no inicio da cada páxina, editada en formato álbum con ilustracións a toda páxina.

ISBN 978-84-7824-545-1
28 páx.
25 x 23 cm.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.