mércores, 23 de outubro de 2013

Uxía Novoneyra "O GRAN LOBO BRANCO" - LITERATURA INFANTIL

Uxío Novoneyra.
O gran lobo branco
Carme Hermida Gulías
Ilustracións de Doblelópez 
Ed. Sotelo Blanco Edicións Santiago de Compostela, 2010


Idade recomendada: + 6 anos 

Amena descrición biográfica do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2010, que alterna as páxinas de texto e as de ilustración, enmarcadas por algúns dos seus versos máis emblemáticos. 
Polas terras do Courel vivía hai moitos anos unha manda de lobos que tiña por xefe unha enorme loba branca. Un día os lobos levaron varios tenreiros, así que as xentes da aldea fixeron unha batida e unha escopeta rematou coa vida da loba reina. Nas noites seguintes, os lobos non pararon de ouvear reclamando a pel da loba. Cando lla devolveron, enterrárona na parte máis alta de Piapáxaro. 

Na aldea de Parada de Moreda nace en 1930 Uxío Novoneyra. Fillo de labradores con facenda, no 45 marcha a Lugo para finalizar o bacharelato e no 49 a Madrid para estudar Filosofía e Letras. Nesa época comeza a escribir versos e participa en recitais poéticos coa súa potente voz que transmite a emoción do rapsodo que era. Regresa no 52 a Galicia, instalándose no Courel no 54 por un problema de enfermidade. Alí encontrará a súa definitiva inspiración como poeta galego cantando os campos da súa terra, e a nosa, como ninguén o fixo nunca. Curado da súa doenza, regresa a Madrid, onde se pon en contacto co grupo de universitarios galleguistas Brais Pinto, tan importante na cultura galega do momento. Para coidar dos pais, regresa ao Courel, onde volverá cantar os seus campos e comeza a facer poesía visual e política. A súa presenza de home alto e forte, con barba e pelo branco, e a súa arte declamatoria convertérono nun dos poetas máis admirados polo público lector. Morreu en Compostela en 1999, cidade na que residía dende 1983. 

Contan as mulleres sabias que a loba branca nunca desapareceu e nas noites de lúa chea percorre o Courel coa súa manda paseando polos sonos das persoas. E unha noite, acaso, alguén a viu saltar pola ventá onde durmía Uxío. 
 
ISBN 978-84-7824-598-7
24 páx.
22 x 23 cm.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.