xoves, 24 de outubro de 2013

A historia do gran de millo - LITERATURA INFANTIL


A historia do gran de millo
Xavier Mugardos / Brais Fernandes Alvares
Ilustracións de Rooster 
Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2009 
Idade recomendada: + 6 anos 
Cóntase a historia dun gran de millo que non podía durmir pensando que ao día seguinte sería feira e podía ser o mellor día da súa vida se o ama o levaba para vendelo. Así se convertería en semente, facéndose planta e logo espiga multiplicada en centenares de grans.
Mais a muller seleccionou os mellores grans, entre os que non estivo el, que se sentiu moi triste.
Días despois oíuno dicir que ía facer unha empanada de millo e el soñou con formar parte dese pracer gastronómico. Pero tampouco o levou, e sentiuse fracasado por non ser fariña... nin sequera alimento para as galiñas. Ata que a muller varreu o hórreo e el foi parar xunto a un charco de barro, de onde o recolleu o xílgaro de vistosa plumaxe e fermoso canto adherido a unhas palliñas. Acomodounas na rama dun salgueiro facendo o niño. E o gran asistiu ao espectáculo marabilloso da vida: a posta dos ovos e saír dos paxariños, que un día pegaron a voar. Entón sentiuse o máis afortunado do mundo polo que vivira.
Cando o niño quedou abandonado, caeu a terra o gran e o seu corpo foi fundíndose coa terra. Ducias de follas e flores foron xermolando del, que chorou de alegría. E asombrouse do prodixio da vida: non puidera ser feliz como gran de millo porque non o era: era semente dunha roseira brava. 
Por iso, lectores e lectoras, tedes que saber ben quen sodes para non sufrir como gran o que podedes gozar como flor. 
 
ISBN 978-84-7824-577-2
28 páx.
22 x 21 cm.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.