domingo, 18 de agosto de 2013

A Rede Cemit rexistra en xuño 27.000 usuarios


A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) impartiu no primeiro semestre do ano máis de 15.000 horas de formación dixital gratuíta nas 98 aulas que a integran. O número de usuarios rexistrados ata xuño superaba os 27.000, cun nivel de satisfacción dun 8,8 sobre 10 en canto á formación e aos servizos dispoñibles na rede. Con esta cifra a Rede Cemit supera, nos primeiros seis meses do ano, o obxectivo de acadar en 2013 os 25.000 usuarios.

Do total de horas impartidas nos primeiros seis meses do ano a maioría corresponde ao nivel de Formación Dixital Básica, e dentro desta tipoloxía os cursos máis solicitados son Iniciación á informática, Busca de información na Internet e Correo electrónico: webmail.

O resto das horas repártense entre a formación para profesionais TIC, realizada en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), que suman preto de 1.700; a destinada aos empregados públicos a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), con case de 1.500 horas no primeiro semestre do ano; e as preto de 1.000 horas de formación para empresarios e emprendedores e persoas en situación de desemprego.

O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles na web desde a que os usuarios poden xestionar a súa vida académica na Rede (matriculación en cursos, demanda dos mesmos, recomendacións...)

Plan de Formación 2013

O Plan de Formación deste ano establece 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesidades.

Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.

A Rede ofrece tamén a teleformación a través do Espazo Multimedia de aprendizaxe, que permite achegar a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios.

Fonte: Código cero


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.