luns, 1 de xullo de 2013

Mosquito - LITERATURA INFANTIL

Mosquito 
Texto de Margarita del Mazo, a partir dun conto tradicional chinés 
Ilustracións de Roger Olmos 
Tradución do castelán de Antón Fortes 
OQO editora, marzo 2009 

+ de 4 anos 

Un mosquito ofrécelle a súa axuda a un ancián que quere descubrir cal é a carne máis saborosa, e liberarse así dunha terrible serpe que o quere papar. A cambio, o vello dálle unha dentadura de ferro para que ningunha vítima se lle resista, pero o agudo insecto utilizaraa para satisfacer a súa voracidade desmedida…

En clave humorística, con este conto tradicional chinés, de carácter etiolóxico, descubriremos que o mosquito ten un grito de guerra: o seu zunido, e tamén cal é a razón de que ás serpes lles gusten tanto os ratos.

Ademais, o lector gozará coas peripecias duns personaxes que nos ensinan como a xustiza e a solidariedade triunfan sobre o tamaño e a forza. A historia achéganos á cultura tradicional dun pobo que ao longo dos séculos mantivo viva a súa sabedoría grazas á oralidade, e que agora ve como esta goza de nova vida na escrita.

Margarita del Mazo, desde a súa experiencia de narradora oral, adapta este conto cun estilo áxil e sinxelo, dotándoo dun singular sentido do humor, que encaixa á perfección coas sempre divertidas ilustracións de Roger Olmos.

As deformacións volumétricas que realiza o ilustrador catalán proporcionan unha perspectiva curiosa dos personaxes: humanos (ancián, ferreiro, nenos…) e animais (serpe, mosquito, paxaro, andoriña, rato…); dous grupos diferenciados que serven para opor realidade e fantasía. Por último, hai que destacar a forza da súa proposta plástica que parte dos óleos, unha característica que forma parte xa da identidade de Roger Olmos. 

978-84-9871-078-6
36 páxs.
Cartoné
25 x 23 cm 
 
Faite socio de BIBLIOPAZOS e lévao para ler na túa casa

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.