venres, 5 de xullo de 2013

A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín - LITERATURA INFANTIL

A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín
Texto de Anna Castagnoli
Ilustracións de Susanne Janssen
Tradución do italiano de Antón Fortes
OQO Editora, febreiro 2008

+ de 5 anos

Aquel neno pasaba as horas subido nunha grande árbore. A nai berráballe desde a ventá: es un galopín! E así, un día tras outro, todos os días, de todos os meses do ano, ata que o neno acabou por esquecer o seu verdadeiro nome. Mais un día estraño de maio, o galopín atopou na copa da árbore un pequeno ovo de paxaro…

No ámbito da identidade o nome garda relación coas preguntas: quen son?, quen somos? e a ausencia do nome, como no caso do protagonista desta historia, ten repercusións na identidade, porque el, finalmente interioriza o adxectivo negativo que os demais lle repiten decote.

O galopín reprendido unha e outra vez, só descobre o afecto cando observa o amor con que as demais nais tratan os seus fillos. Nese intre, o galopín recoñece un afecto que nunca tivo como unha necesidade primaria, imprescindible para a supervivencia.

Como Cósimo, o barón rampante de Italo Calvino, o protagonista desta historia toma desde as alturas certa distancia cun mundo que non comparte; unha distancia que lle proporciona liberdade e unha nova perspectiva da realidade, das persoas e dos acontecementos desde a que se reconstruír el mesmo.

Un libro sen idade, que achega material para a reflexión sobre a importancia do afecto e axuda a ver detalles que poden pasar inadvertidos, pese a que na realidade forman parte da personalidade de todos os individuos.

Esta é a primeira obra que a recoñecida ilustradora alemá Susanne Janssen edita no Estado español. Xogando co bicromatismo de negros e vermellos, a ilustradora preséntanos un imaxinario narrativo moi particular, con escorzos e perspectivas imposibles. Traballa con detalle a psicoloxía dos personaxes, cuns rostros que combinan dureza e dozura, e nos que destaca a especial importancia concedida á mirada. Sen dúbida, un traballo plástico de grande impacto e forza expresiva, que non deixa indiferente a ningún espectador.

978-84-96788-68-8
48 páxs.
Cartoné
25 x 23 cm

Faite socio de BIBLIOPAZOS e lévao para ler na túa casa

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.