martes, 2 de xullo de 2013

A grande viaxe - LITERATURA INFANTIL

A grande viaxe
Texto de Anna Castagnoli
Ilustracións de Gabriel Pacheco
Tradución do italiano de Antón Fortes
OQO Editora, xaneiro 2009

+ de 5 anos

Algún día, quizais dentro de pouco, construirei un barco moi grande; que flote como os barcos e tamén voe como os avións, aínda que non sexa máis que un barco; que se desprace sobre a terra e baixo a auga, como se dun barco rodante se tratase, ou dunha nave submarina…

Un neno imaxina unha grande viaxe chea de prodixios. Sucará o mundo, atravesará países en guerra, rescatará animais en situación de perigo… para, finalmente, regresar convertido nun heroe.

Anna Castagnoli logra describir cunha gran precisión os pensamentos e os soños que habitan a imaxinación do protagonista. Fantasías que lle permiten construír unha realidade, e ao mesmo tempo, refuxiarse e defenderse dela cando esta xa non o comprace.

A viaxe, como metáfora da vida, conducirá o protagonista non só a descubrir o mundo, senón tamén a si mesmo, porque no camiño sempre hai encrucilladas. Pola súa banda, a imaxinación e a fantasía, ademais de para inventar peripecias e situacións, serviranlle ao pequeno viaxeiro para construír a súa identidade.

O ilustrador Gabriel Pacheco resolve, en clave metafórica, a idea do barco-viaxe, e consegue converter calquera obxecto nun vehículo ideal para a imaxinación. Así, unha caixa de cartón baleira, algo moi simple, transfórmase coa maxia da fantasía. Pode ser o propio cuarto, o que de súpeto se torne nun lugar surrealista, ou unha nave a que nos guíe a través dos soños. Pero, na realidade, nunca se abandona o espazo da casa, o lugar de onde parten todas as viaxes.

As ilustracións aínda que presentan escenas illadas, manteñen sempre a coherencia estética: na cor, os espazos, as personaxes, a composición… e é o texto o que leva o fío da narración.

Para reafirmar a proposta plástica, elementos como os botíns, os xoguetes do neno ou outros obxectos cotiáns acaban transformándose ou evolucionando dentro dos escenarios fantásticos. Deste xeito, ofrécensenos por unha parte, pistas e suxestións que nos axudan a entender a historia, e pola outra, multiplícase o poder suxestivo do álbum que admite así diversos niveis de lectura.

Ao cabo, unha historia emocionante que nos trae mensaxes de solidariedade, esenciais na maduración dos individuos. 

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2009 

978-84-9871-066-3
40 páxs.
Cartoné
25 x 23 cm

Faite socio de BIBLIOPAZOS e lévao para ler na túa casa

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.