venres, 17 de maio de 2013

Galaxia presenta un libro-DVD que pescuda os pasos de Vidal Bolaño



A Feira do Libro de Santiago acolleu este mércores a presentación do libro Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño. A obra en cuestión, un percorrido pola vida e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras galegas, inclúe un DVD cun documental de Gonzalo Enríquez Veloso sobre a repercusión do rico e innovador legado literario do autor de Mar revolto.

A achega en cuestión, informaron os autores, é un libro-DVD "con dúas realidades e un único obxectivo". A primeira destas realidade está na pantalla, da man do documental de Gonzalo Veloso. Unha obra que serve entre outras cousas para achegarnos á realidade das persoas que viviron preto do autor: a familia, os amigos, os compañeiros de profesión e as investigadoras, todos eles ollando baixo o chapeu negro para relatar quen era Roberto Vidal Bolaño, "amosando unha singular visión que, sen dúbida, axudará a comprender mellor a súa obra", informa Enríquez Veloso.

A segunda realidade está no libro, no texto escrito por Montse Pena Presas, que se lanza a amosar o que había tralo nariz de pallaso que ostentaba, en moitas aparicións públicas, o autor homenaxeado. A escritora adopta para este achegamento un ton "lúdico e ao mesmo tempo rigoroso", facendo uso del para abordar as grandes particularidades da obra de Vidal Bolaño. O libro-DVD está a ser lanzado pola Editorial Galaxia. 

xoves 2 de maio do 2013, por Redacción 
Fonte: Código Cero

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.