sábado, 2 de marzo de 2013

Top 10. Narrativa galega 2012


Na última entrega de Biblos que estes días comeza a se distribuír -revista, por certo,  que completa sesenta números que viron a luz ao longo de dez anos-, dou a coñecer, na habitual sección «Breviario», unha listaxe do que considero como o máis salientable no eido da narrativa galega publicada este ano pasado. Como sinalo no comezo faltan, con certeza, outros títulos, e mesmo algúns que foron moi do meu agrado. Velaquí o artigo:

Coma sempre, ao comezar un novo ano e botar a vista atrás resulta inevitable revisar o que se leu, e compendiar ao que meu xuízo  foi o máis salientable. Velaquí un top 10 de carácter persoal, loxicamente, sen orde de prioridade e que se centra na narrativa publicada en lingua galego o ano pasado. Asumo que nel non se inclúe todo o que realmente me gustou, alén de dúas ou tres novelas aparecidas no momento en que isto redacto e que poderían modificar esta escolla. Dun ou doutro xeito aquí está:

1. As voces baixas, de Manuel Rivas. Deses libros que resoan na memoria de quen o le,  pola intensa brillantez con que foi escrito, pola sinceridade e emotividade que desprende.

2. A forma das nubes, de María López Sández. Premio narrativa breve Repsol 2011. Ao meu ver unha das sorpresas do ano dunha autora de extraordinario potencial.

3. Palabras de auga, de Marcos Calveiro. Premio Merlín 2012. Unha historia estremecedora e comprometida para afondar en realidades que non vemos ou non queremos ver, tamén na propia condición humana.

4. En vías de extinción, de María Reimóndez. Novela que sabe a liberdade, que arrecende talento, sempre nos camiños da heterodoxia e a reflexión: imprescindible.

5. Verde oliva,  de Xavier Alcalá. Experiencia e sabedoría narrativa para afondar con brillantez nos días previos da chegada de Fidel Castro ao poder.

6. Dúas letras, de Fina Casalderrey. Un libro que é un luxo: un relato poderoso e  milimetrado que inspira unha magnífica curtametraxe.

7. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño. Á sombra dos mitos da Materia de Bretaña, unha reflexión magnífica sobre os conceptos da impunidade e da culpa.

8. O curioso mundo das persoas normais, de Xosé Monteagudo. Retratar a paisaxe  e os sentimentos da vida cotiá desde a perspectiva de alguén, que só é quen de outeala, non é doado e o autor é quen de emocionar.

9. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo. A proposta incorporou tantos lectores á narrativa de noso que só por iso xa é de agradecer. Ademais, non lle falta pericia narrativa, talento e engado. Outra agradable sorpresa da tempada literaria.

10. 15.724, de Xesús Constela. Cun substrato que é unha alegación contra as oligarquías e a pena de morte, o autor ofrece un espléndido exercicio narrativo que non decae nin na derradeira páxina>>.

Fonte: cadernodacritica.blogaliza.org/

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.